Xa se pode votar polas mellores imaxes do concurso de fotos co móbil de Gondomar

martes, 8 de agosto do 2017 Redacción

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Xuventude, convocou este verán un concurso de fotos co móbil, o certame Gondomar en Foto. O obxectivo da iniciativa é promover e difundir o patrimonio natural, social e cultural do municipio pontevedrés, “a través da visión da mocidade” e facendo fincapé no uso das novas tecnoloxías da información. As fotos recibidas plasmarán a vida de Gondomar cotiá, as paisaxes, os monumentos e os recunchos de interese do concello, poñendo en valor os recantos locais que aínda estean pendentes por descubrir. O certame vai dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos. Por certo que hoxe mesmo, 8 de agosto, ábrese o prazo para votar as imaxes recibidas os días pasados. Podemos facelo até o 13 deste mes na páxina web do concello de Gondomar, www.concellodegondomar.org.
O 17 de agosto a organización dará conta das 10 mellores fotos elixidas polo público internauta. As 10 imaxes que obteñan un maior número de cualificacións positivas (gústasme) serán utilizadas polo Goberno local para fins de promoción turísticos, culturais, etc. Respecto das bases do concurso establécese que calquera persoa que envíe as fotografías realizadas con seu móbil a este concurso garante ser o/a autor/a exclusivo das mesmas. Tamén se fixa (entre outras cousas) que os participantes cederán o dereito de uso e reprodución da fotografía ó Concello de Gondomar para fins de promoción. Toda a información do concurso está pendurada este verán na web do Concello de Gondomar.

PUBLICIDADE