Xa se poden descargar os Bonos Activa Comercio da Xunta

luns, 4 de novembro do 2024 S. P.

É a partir de hoxe, luns 4 de novembro, cando volve a campaña Bonos Activa Comercio. A xeito de inauguración desta nova edición, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitaban en Santiago o comercio téxtil Frisée.
Dende a Xunta destinarán 2,5 millóns de euros, cos que prevén mobilizar 12 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos -xa hai máis de 6.100 adheridos en toda Galicia e uns 72.000 bonos de desconto descargados en apenas dez horas- co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.
Os negocios que desexen participar nesta iniciativa levan sumándose desde o pasado 23 de outubro, e teñen de prazo para seguilo facendo até o 15 de decembro. Nop caso das persoas consumidoras, sinalar que poden descargar dende agora na web dos Bonos Activa Comercio bonos desconto de até 30 euros para as compras que realicen nos comercios vencellados.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñíbeis para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto acadará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán empregar.
Na última edición superáronse os 6.800 negocios participantes. En total, nas catro edicións anteriores acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros.
O conselleiro de Emprego aproveitou a ocasión para explicar que se afondará no impulso das prazas de abastos e a súa certificación co selo de Mercados Excelentes, promovendo tamén o seu potencial
dinamizador a través dun orzamento total de 6,8 millóns de euros. Asemade, sinalou, a Xunta promoverá iniciativas innovadoras de dinamización comercial como o proxecto piloto Vilas vivas, que comezará no mes de decembro en Ribadavia apostando por espazos efémeros ligados ao territorio para seguir implementando posteriormente noutras cabeceiras de comarca.