Xa se poden presentar ofertas para o desenvolvemento da plataforma de turismo intelixente de Ourense

venres, 31 de xullo do 2020 S. P.

Fernando Suárez e Manuel Baltar na sede da Deputación

A plataforma de contratación do sector público vén de publicar os pregos correspondentes ao subministro para o desenvolvemento da iniciativa Hai un Ourense en ti, unha iniciativa de turismo intelixente coa que a Deputación de Ourense quere estar na vangarda do turismo interactivo. Este programa vén cunha contía de preto de 3 millóns de euros e incluirá, entre outras cousas, unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitoraxe de rutas e seguimento dos lugares máis visitados.
En palabras do presidente Manuel Baltar, “trátase dun innovador sistema para experiencias turísticas que permitirá aos visitantes acceder aos recursos turísticos da provincia de Ourense coa tecnoloxía máis vangardista aplicada ao ocio, a cultura, o termalismo, a natureza e a gastronomía”.
O prazo de presentación de ofertas finaliza o vindeiro 23 setembro.
A iniciativa desenvolverase entre a Deputación de Ourense e Red.es baixo o lema Hai un Ourense para ti. Descúbreo. Como dixemos, porá en xogo unha plataforma smart e aplicacións para móbiles, ademais dun portal web de información turística; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual e de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo. O proxecto enmárcase na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, na que se seleccionaron 24 iniciativas de 9 comunidades autónomas, cun montante económico total de 68,3 millóns de euros.
Desta maneira, a plataforma permitirá aos turistas que se acheguen á provincia de Ourense dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña Ourense ao teu alcance); de servizos personalizados baixo demanda (liña Sinte Ourense), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña Ourense guíate).
Os aspectos clave do proxecto son a integración nun único punto de toda a información turística da provincia por medio do uso dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais.
Tamén, entre as innovacións do proxecto analizadas hoxe destaca a interoperabilidade, xa que a plataforma será capaz de obter información de diferentes fontes de datos.

PUBLICIDADE