Xa se poden presentar solicitudes para o Hospital de Emprendedores de Ourense

mércores, 20 de maio do 2020 Sonia Pena

O Hospital de Emprendedores promovido pola Deputación de Ourense recibiu esta semana un novo impulso. Foi da man do presidente da entidade provincial, Manuel Baltar, que este martes visitou a sede do Centro Cultural Marcos Valcárcel, que acollerá a partir do primeiro de xuño o devandito acubillo de novos negocios, unha iniciativa do propio Baltar para mitigar as consecuencias da crise sanitaria no tecido produtivo provincial, achegando a autónomos e pequenos empresarios, durante tres meses, espazos de oficina e equipamentos tecnolóxicos para que poidan desenvolver dende alí o seu labor. A iniciativa xa ten aberto o prazo de solicitudes de espazo, ben no Rexistro Xeral da Deputación ben a través da web da institución.
O Hospital de Emprendedores, concibido para “axudar a emprendedores e empresarios que non poden pagar alugueres e que ven perigar a súa actividade laboral por mor da crise do coronavirus”, terá o seguinte horario de actividade: de 8.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres, entre o 1 de xuño e o 31 de agosto.
A empresa R, do Grupo Euskaltel, colaboradora tecnolóxica desta iniciativa solidaria, comezou xa a traballar neste proxecto para garantir que a conexión a Internet avanzado de alta velocidade por fibra óptica para os usuarios do Hospital de emprendedores.
O Hospital habilitará espazos para 40 postos de oficina, cada un dos cales disporá de conexión a Internet e mobiliario básico de oficina, instalado cumprindo a normativa de seguridade referida á prevención do COVID-19.

PUBLICIDADE