Xa son 71 os centros docentes integrados na Rede de Capacitación Dixital
luns, 1 de abril do 2024
A Consellería de Cultura e Educación incorporou 16 novos centros á Rede de Capacitación Dixital, de tal forma que son xa 71 os centros que imparten ensinanzas para persoas adultas de Secundaria, Bacharelato ou FP, que dispoñen destas aulas. A Consellería destina un total 1.230.875€ para o conxunto destes espazos.
Segundo informa Cultura e Educación, esta rede pon ao servizo da cidadanía as infraestruturas e dotacións dos centros educativos para” formarse nas competencias dixitais transversais necesarias para desenvolverse de forma cotiá nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica, na que servizos esenciais, tales como a banca, o acceso ás administracións públicas ou o consumo se realizan de forma telemática”.
As actividades van dirixidas, preferentemente, ás persoas maiores de 55 anos cun nivel baixo de cualificación neste eido, atendendo especialmente a fenda de xénero, á poboación vulnerábel e ás zonas rurais, de acordo co establecido na Estratexia Edudixital 2030, que ten como eixo segundo a mellora das competencias dixitais da cidadanía no ámbito das súas competencias.
Durante o seu primeiro ano de funcionamento formáronse en competencias dixitais básicas nas 55 aulas habilitadas na primeira convocatoria un total de 2.409 persoas e agárdase chegar a 2.792 ao longo do ano 2024.