Xa ten palmarés o I Premio de Oratoria en Formato Podcast que homenaxea a Ramón Otero Pedrayo

xoves, 14 de setembro do 2023 S. P.

A Asociación Amigos de Otero Pedrayo convocou, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o I Premio de Oratoria en Formato Podcast Ramón Otero Pedrayo, certame do que as ditas entidades veñen de compartir o palmarés. O arquivo sonoro dixital gañador foi finalmente O mundo feminino de Otero Pedrayo, de Raquel González Calvo. O segundo premio correspondeu ao traballo presentado baixo o título As sete vacas de Tebra, de Miguel Blanco. O terceiro premio foi para Aturuxo, de Naihara Darriba, do IES de Ponte Caldelas polo seu traballo Aturuxo.
O xurado, presidido por Xosé Ramón Pousa, profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, e formado pola directiva da Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, tamén valorou moi positivamente o traballo colectivo Aprendendo sobre Otero Pedrayo, do alumnado de cuarto da ESO do IES Milladoiro. Esta peza non puido participar na fase final do concurso, no que entraron seis propostas, por tratarse dunha obra colectiva.
Como dixemos, o Premio de Oratoria en Formato Podcast está convocado pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo e conta coa colaboración da Secretaría Xeral Asociación de Amigos de Otero Pedrayo de Política Lingüística e a cooperativa agroalimentaria Coren. O galardón, dirixido ao alumnado galego de entre 15 e 25 anos, está dotado con 3.750 euros, repartidos en tres categorías.
O obxectivo do certame é “incentivar a expresión correcta e as habilidades comunicativas mediante o cultivo da expresión oral e da oratoria, da que o escritor ourensán foi un mestre, con técnicas actuais para a sociedade dixital”, informaron dende as entidades convocantes.
O certame, destinado a estudantes de 15 a 25 anos de idade que cursen estudos de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, graos universitarios ou mestrados, premiará podcasts e vídeos sobre temas ligados ao universo oteriano como o medio natural, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a comunicación oral ou a tradición oral.
As pezas enviaranse ao correo asociacion.amigos.de.otero.pedrayo@gmail.com entre o 10 de febreiro e o 25 de xullo de 2023.

PUBLICIDADE