Xabarin.gal chega para celebrar os 25 anos do Xabarín Club

martes, 16 de abril do 2019 Marcus Fernández

O 18 de abril de 1994 naceu o Xabarín Club na Televisión de Galicia, e dentro do conxunto de actividades para a celebración deste 25º aniversario temos agora o lanzamento de xabarin.gal, unha páxina web onde podemos escoitar os vídeo musicais do Xabarín e que irá medrando no tempo con novos contidos.
Este novo espazo web recolle todos os Xabaclips da historia do programa (máis dun cento) entre os que están canción consideradas case míticas como o Que ghallo é! de Herdeiros da Crus, Non todo é o que parece de Aerolíneas Federales, Xa vén o Xabarín dos Diplomáticos de Monte Alto ou Estou na lavadora de O Caimán do Río Tea.
Outro interesante contido en vídeo que podemos atopar en xabarin.gal son as sintonías de apertura (e, nalgún caso, tamén de peche) de series do Xabarín Club como As Bolas Máxicas, O Sarxento Keroro, Carteiro Pat ou Doraemon.
Este espazo web, que se complementa tamén cunha aplicación móbil, quere converterse nunha ferramenta de lecer para os cativos, polo que tamén recolle unha escola de episodios de series de televisión que consumir á carta e en alta definición, facilitando que os cativos poidan gozar de contidos audiovisuais en galego sen ter que estar pendentes da grella da tvG2 nin atados a un televisor.
Para unha maior dispoñibilidade dos contidos do Xabarín, nas últimas horas tamén estreou canle de seu en YouTube, onde tamén se recollen as sintonías das series do Xabarín Club, os xabaclips e tamén actuacións en concerto coa música do Xabarín Club.

A primeira cabeceira do Xabarín Club é un dos contidos que podemos atopar agora de xeito oficial en YouTube

PUBLICIDADE