Xabarín.gal e Agalega.gal incorporan novos capítulos de Shin Chan, Ladybug, As Tartarugas Ninja e Doraemon

venres, 3 de outubro do 2025 S. P.

As plataformas Xabarín.gal e Agalega.gal incrementan este mes de outubro a súa grella con novos capítulos de Shin Chan, As aventuras de Ladybug e Cat Noir, As Tartarugas Ninja e Doraemon. A CSAG (Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia) reforza deste xeito a súa aposta polo audiovisual en galego, con novidades especialmente dirixidas á infancia e á xuventude que mesturan entretemento, educación en valores e prestixio internacional.
Este venres estréanse novos capítulos de Shin Chan e o venres seguinte, 10 de outubro, chega a Xabarin.gal a galega Galiworld, unha serie de animación preescolar seleccionada na última convocatoria de contidos dixitais da CSAG e que nos sitúa nunha buliciosa cidade habitada só por galiñas e pitos e onde cada día é unha aventura que pon patas arriba a vida da metrópole. “Galiworld ofrece innovación e creatividade galega para o público familiar”, sinala a CSAG.
O sábado 11, os espectadores gozarán na G2 e en Xabarin.gal os cinco capítulos iniciais de Prodixiosa: As aventuras de Ladybug e Cat Noir, que se irán ampliando ao longo do mes. Deste xeito, explica a corporación, “unha das series de máis éxito da animación internacional poderá verse agora tamén en galego”. Cóntanos a historia de Marinette e Adrien, dous adolescentes con vida dobre como superheroes, defenden París contra os viláns mentres xestionan os retos da súa identidade secreta.
O 17 de outubro será o momento de As Tartarugas Ninja, coa nova versión da icónica serie. Leonardo, Raphael, Donatello e Michelangelo, catro irmáns mutantes expertos en artes marciais, loitan contra o crime nas rúas de Nova York. Estrearanse 26 episodios en Xabarin.gal.
A plataforma infantil e xuvenil tamén acollerá, a partir do venres 24, os 16 primeiros episodios de Maddie e Triggs, que nos pon na pel de Maddie, unha nena con discapacidade visual que vive divertidas aventuras coa súa mascota Triggs nunha serie que presenta a diversidade funcional dun xeito normalizador, achegando valores de inclusión e amizade.
Ademais, o día 30 chegan 26 capítulos da serie Timmy Time, producida polos prestixiosos estudios Aardman Animations e protagonizada por Timmy, un cordeiro pequeno e curioso que descobre as súas primeiras experiencias na escola infantil.
Finalmente, o venres 31, estarán dispoñibles 10 novos capítulos de Doraemon, en que o gato robótico do futuro axuda a Nobita a resolver os seus problemas cotiáns mediante inventos fantásticos “nunha das series máis queridas polo público familiar”, lembran dende a corporación.