XacobeoTech mellora con xeolocalización inclusiva a experiencia dos peregrinos
mércores, 9 de outubro do 2019
O
Teu Xacobeo, a iniciativa galega para adiantarnos ao vindeiro ano
santo cos mellores recursos, integralmente e coa participación da
máxima cantidade de concellos, empresas, entidades e cidadáns,
colleu
pulo hoxe coa presentación en Arzúa das últimas novidades
tecnolóxicas que se lle incorporan: as tecnoloxías de XacobeoTech.
Trátase dunha iniciativa que tira proveito das máis modernas
ferramentas para mellorar a experiencia dos peregrinos. Isto a nivel
xeral. A nivel específico, inclúe sistemas de xeolocalización
inclusiva e aplicacións de etiquetado de monumentos e edificios
históricos do Camiño conectadas a videoguías. Na presentación
participou a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, quen
experimentou coa Realidade Virtual para contemplar treitos de rutas a
través de drons.
Segundo
fixo saber, XacobeoTech ten o engadido extra de ser un proxecto
inclusivo, xa que forman parte da experiencia o músico Serafín
Zubiri, que viaxa nun tándem (guiado por unha persoa sen
dificultades de visión), Javier Pitillas e membros de Discamino, que
viaxan en cadeiras de rodas guiadas por bicicletas.
Para
desenvolver esta iniciativa e difundila, 13 peregrinos en bicicleta
saíron o pasado luns do Cebreiro e remataron hoxe a súa segunda
etapa en Arzúa, de onde sairán mañá cara a Compostela. Ao longo
das etapas, os peregrinos van probando a tecnoloxía que forma parte
de XacobeoTech, ademais de facer unha análise do actual estado de
accesibilidade das localidades polas que pasa este tramo do Camiño
Francés.
O
proxecto inclúe obradoiros de tecnoloxía sustentábel e
conservación do patrimonio natural. Ao termo de cada etapa os
peregrinos fan unha demostración das tecnoloxías empregadas polo
Camiño e, pola tarde, celebran as tecnolareiras, encontros
gravados en vídeo coa veciñanza co obxectivo de recoller lendas e
contos do Camiño e que logo editan na canle de Youtube de
XacobeoTech.
Segundo
lembrou Pereira, amais do XacobeoTech, O Teu Xacobeo ten previsto
desenvolver outros proxectos tecnolóxicos que incorporan ferramentas
TIC para “facilitar, fomentar e amplificar as riquezas do Camiño”
e, sobre todo, “contribuír a mellorar a experiencia dos
peregrinos”. Entre eles, destacan aplicacións móbiles que
permitirán aos viaxeiros gardar e compartir fotografías ou
informacións relevantes sobre as rutas, como é o caso de Mi
camino/My way ou Xacobeo 2021 with jjffy.
Entre
a vintena de iniciativas programadas salienta tamén unha aplicación
de realidade virtual que promove o Camiño Primitivo en Galicia
mostrando ao peregrino os puntos singulares máis representativos e
cun maior valor etnolóxico, paisaxístico ou cultural; ou a
aplicación Camiñando polo Pontedeume Medieval, que amosará
a vila nos séculos XV e XVI, momento de esplendor da peregrinación
polo Camiño Inglés.
A
todo isto cómpre engadir as 200 placas con códigos QR situadas ao
carón da sinalética xacobea, que van encher as etapas nos seus
puntos máis salientábeis. Esta iniciativa está incluída no
proxecto O mellor camiño no teu móbil.