Xbox Game Pass acolle o lanzamento de Humankind

martes, 17 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A plataforma Xbox continúa a ampliar a súa selección de xogos incluído no Game Pass, destacando especialmente as novidades de hoxe, que son Humankind para PC (xogo de estratexia histórica por quendas que chega ao mercado precisamente a través do Game Pass, vendéndose tamén por 49,99 euros) e tres xogos de EA Play que xa estaban no Game Pass, pero que dende hoxe tamén están dispoñible a través da nube, polo que estarán ao alcance de móbiles, tabletas e ordenadores persoais. Falamos concretamente de Need For Speed Heat, Star Wars Battlefront II e Star Wars Jedi: Fallen Order, xogos moi reputados que melloran así a súa dispoñibilidade.
O 19 de agosto chegarán a consolas, PC e a nube os xogos Recompile, Train Sim World e Twelve Minutes, mentres que o 25 de agosto será Psychonauts 2 o que chegue a esas plataformas, completando o calendario de agosto Myst ao sumarse ao Game Pass o día 26.
Tamén resulta de interese que bastantes xogos incorporasen controis táctiles de Xbox en Xbox Cloud Gaming, ou sexa, que poden xogarse na nube en momentos nos que non teñamos un mando de consola a man. Os títulos que pasarían a gozar desta novidade serían Hades, Bloodroots, Farming Simulator 19, Going Under, Need for Speed Heat, Peggle 2, Psychonauts, Wasteland 2, Wasteland 3 e Wasteland Remastered.

Entre os títulos que se suman ao Game Pass destacan varios xogos de EA que estaban dispoñibles para consola e agora tamén poden xogarse a través da nube

PUBLICIDADE