Xbox LIVE Gold non subirá de prezo

luns, 25 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Co lanzamento de Xbox Game Pass Ultimate o servizo de Xbox LIVE Gold parecía ter perdido toda a relevancia, e Microsoft decidiu disuadir aos usuarios de consolas Xbox de contratalo subíndolle o seu prezo, inicialmente nos EE.UU., pero a reacción dos consumidores en contra foi radical, lanzándose a criticar duramente que subisen o prezo dun servizo que cada vez ten un menor valor, provocando que a compañía de Redmond rectificase a súa anterior decisión.
Agora non só manteñen o prezo do servizo Xbox LIVE Gold, senón que tamén fan un anuncio bastante importante: os xogos free-to-play para Xbox deixarán de precisar dunha subscrición de pagamento a Xbox LIVE para poder usarse, ampliando así considerablemente a súa base de xogadores e, reducindo unha vez máis o valor de Xbox LIVE Gold, servizo que parece destinado a desaparecer dado o peso que está a coller o Game Pass, que é o principal reclamo actual para facerse cunha Xbox.
Inicialmente as subscricións de pagamento para Xbox LIVE tiñan moito sentido, a que era o xeito co que Microsoft garantía unha plataforma de xogo en liña de calidade. Lembremos que nos tempos da Xbox 360 o xogo en liña nas consolas de Microsoft ofrecía unha experiencia de uso excelente, mentres que o xogo en liña para PlayStation 3 era bastante deficiente e, de feito, a PlayStation Network demostrou ser un auténtico desastre despois dunha vulneración da súa seguridade que provocou unha das meirandes crises na historia de Sony.
Co tempo foron incluíndose xogos como recompensa a estes servizos de subscrición, o que serviu de alicerces para un servizo de subscrición cun catálogo de máis dun cento de xogos, o Game Pass, que está a eclipsar a un Xbox LIVE Gold que no último ano ofreceu unha selección de xogos moi pobre, evidenciando que Microsoft quere trasladar aos seus usuarios de Xbox LIVE Gold a Xbox Game Pass Ultimate, para conseguir maiores ingresos mensuais e potenciar servizos como o xogo na nube.

PUBLICIDADE