Xbox amosa as súas novidades na Gamescom

martes, 21 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Comeza a Gamescom en Colonia, e Microsoft aproveita a ocasión para presentar novidades para a súa consola, como 8 novos lotes de consolas Xbox One que sairán á venda nos vindeiros meses con xogos como Forza Horizon 4, Battlefield V ou Shadow of the Tomb Raider, e 3 deseños novos para os mandos (contando tamén cunah versión limitada de PUBG e a incorporación de novas cores e patróns aos mandos personalizados de Xbox Design Labs).
Precisamente sobre PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS (PUBG) realizouse un importante anuncio: o xogo deixará a súa fase de probas o 4 de setembro, estreando a súa versión 1.0 para Xbox One. Confirman que os logros activaranse automaticamente coa experiencia gañada na fase previa ao lanzamento, polo que non será preciso desbloquear os retos xa conseguidos.
O servizo Xbox Game Pass estrea en probas unha aplicación móbil para iOS e Android, a través da que é posible buscar, navegar e descargar novos xogos á consola dende un dispositivo móbil, facilitando así a xestión deste grande catálogo de xogos dispoñibles mediante subscrición.
Para os seareiros dos zombis anunciaron que State of Decay 2 terá o 12 e decembro unha expansión chamada Daybreak Pack, que permitirá facer equipo con ata 4 compañeiros para acabar con hordas de mortos viventes dende posicións fortificadas. Contarase con 8 armas a distancia, 6 de corpo a corpo e explosivos que lanzar, así como novos inimigos entre os que destaca o Juggernaut da praga.
En Colonia Microsoft tamén está a amosar novos detalles de Sea of Thieves, Forza Horizon 4, Ori and the Will of the Wisps, e un bo grupo de xogos multiplataforma, así como sorprendendo ao anunciar que 5 grandes xogos que ata o momento comercializaba en exclusiva Microsoft chegarán o 14 de setembro Steam: ReCore: Definitive Edition, Disneyland Adventures, Super Lucky’s Tale, Rush: A Disney-Pixar Adventure, Zoo Tycoon: Ultimate Animal Collection.