Xbox confirma o despedimento de 3.200 empregados e unha profunda reestruturación

luns, 6 de xullo do 2026 Redacción

Microsoft confirmou unha das maiores reestruturacións da historia de Xbox cun plan que suporá a eliminación duns 3.200 postos de traballo ao longo do exercicio fiscal 2027, dos que arredor de 1.600 se executan de maneira inmediata. A reorganización tamén inclúe a saída de catro estudios da estrutura de Xbox, cambios na organización interna e unha simplificación da súa estrutura directiva.
A decisión foi comunicada aos empregados pola presidenta de Xbox, Asha Sharma, nunha mensaxe interna publicada posteriormente por Microsoft. O anuncio chega despois de que a propia Sharma e Matt Booty adiantasen o pasado 10 de xuño que a división se preparaba para afrontar cambios de grande alcance.
Segundo explica Sharma, a reestruturación responde á necesidade de corrixir a situación financeira do negocio. A directiva asegura que as marxes da división sitúanse entre tres e dez veces por baixo das doutros grandes operadores de plataformas e editoras de videoxogos, mentres que a actual xeración de consolas arrancou cunha base instalada inferior á esperada e cunha estrutura de custos máis elevada. A aposta por Game Pass, a publicación multiplataforma e a ampliación do catálogo permitiu crear «valor significativo», pero non medrou ao ritmo previsto. Ao mesmo tempo, o mercado do hardware atravesa, segundo Sharma, «a crise máis grave da súa historia».
A primeira gran medida consiste en redefinir a carteira de estudios. Microsoft considera que a rápida expansión iniciada en 2018 xa non resulta sostible, nun momento no que a cantidade de videoxogos publicados cada mes supera amplamente a de hai unha década e no que os estudios independentes adquiriron un peso crecente. Sharma recoñece que Xbox «non é o mellor fogar para todo tipo de estudios» e afirma que, de media, a compañía perdeu 64 céntimos por cada dólar investido nalgúns deles.
Como consecuencia desta revisión, Compulsion Games e Double Fine Productions volverán converterse en estudios independentes, conservando as súas propiedades intelectuais, os seus catálogos e financiamento suficiente para desenvolver os seus próximos proxectos. Ninja Theory e Undead Labs iniciaron negociacións para integrarse baixo novos propietarios que achegarán recursos para completar e impulsar as franquías Senua e State of Decay 3. En Francia, a dirección de Arkane abriu o proceso legal de consulta co comité de empresa para estudar distintas alternativas estratéxicas.
A compañía tamén realizará reducións de persoal noutras divisións, incluídas Activision, Bethesda/ZeniMax, Blizzard, King, Mojang e Xbox Game Studios. Sharma subliña que ningún dos videoxogos ou proxectos anunciados publicamente polos estudios internos será cancelado como consecuencia desta reestruturación.
Os cambios tamén afectan á organización corporativa. Mojang e King pasarán a depender directamente da presidenta de Xbox, ao considerar que ambas as dúas empresas evolucionaron ata converterse en plataformas con centos de millóns de usuarios mensuais e cun papel estratéxico dentro do ecosistema da marca.
A segunda fase da reorganización céntrase na simplificación da estrutura interna. Sharma sinala que nalgunhas áreas o traballo chega a pasar por ata 14 niveis xerárquicos e que os equipos dedicados á plataforma medraron un 40 % desde o inicio da actual xeración de consolas, malia que tanto a base de xogadores como o tempo de uso diminuíron. A intención é reducir os niveis directivos a un máximo de cinco, e sempre que sexa posible limitalos a tres, favorecendo unha organización máis horizontal. O plan inclúe ademais a unificación de ferramentas, unha limpeza da base de código, a ampliación dos servizos compartidos e unha redución do 50 % do gasto en provedores externos.
A terceira pata da transformación afecta á dirección da división. Por primeira vez crearase o cargo de directora de operacións (COO), que asumirá a responsabilidade financeira de todas as áreas de negocio, incluídos contidos, hardware, plataforma e servizos. Helen Chiang, ata agora responsable de Mojang e da franquía Minecraft, ocupará este posto e responderá directamente ante Sharma.
A reorganización tamén coincide coa retirada de Dave McCarthy, que abandona a compañía tras 17 anos vinculado a Xbox. Sharma agradece o seu papel no desenvolvemento da plataforma e na evolución dos servizos da marca.
A pesar da magnitude dos recortes, a presidenta de Xbox sostén que a reestruturación pretende reforzar o futuro da división e non reducilo. Microsoft mantén que durante este ano realizará un nivel de investimento comparable ao de exercicios anteriores, aínda que cun enfoque máis selectivo, e asegura que o obxectivo é recuperar o crecemento da marca ao longo de 2027.

ACTUALIZACIÓN: Outra alta directiva de Microsoft, Amy Coleman, tamén publicou un comunicado contatando que hoxe a compañía de Redmond estaría a prescindir de 4.800 traballadores (dos que 1.600 corresponderían á división de videoxogos).