Xbox prepara a súa transformación para recuperar forza

venres, 24 de abril do 2026 Redacción

Nunha mensaxe asinada por Matt Booty e Asha Sharma, novos máximos responsables de Microsoft Gaming, recoñecen abertamente as limitacións actuais da súa plataforma de xogo, ao tempo que debullan unha folla de ruta ambiciosa centrada en converter Xbox nun ecosistema global de xogo e creación.
Admiten o descontento dunha parte dos usuarios, sinalando unha menor frecuencia de novidades en consola, unha presenza insuficiente en PC e dificultades crecentes en materia de prezos. Tamén identifica carencias estruturais en aspectos clave como a busca de contidos, a descuberta de xogos, a interacción social e a personalización, que cualifica de fragmentados. A estas críticas súmanse as demandas de desenvolvedores e editores, que reclaman mellores ferramentas e maior capacidade de crecemento dentro da plataforma.
A análise interna sitúa estes problemas nun contexto de cambio profundo da industria. O crecemento do xogo en Windows, a proliferación de modelos baseados en subscricións e a emerxencia de novos actores globais están a redefinir o mercado. Destaca tamén o impacto de propostas procedentes de equipos pequenos ou creadores individuais, así como o peso crecente de plataformas como Roblox, que compiten en escala con franquías tradicionais. Máis da metade dos ingresos e do crecemento do sector concéntranse xa fóra dos mercados históricos de Xbox.
Fronte a este escenario, a compañía propón un novo posicionamento baseado nunha idea central: «Xbox será o lugar onde o mundo xoga e crea». A estratexia aposta por unha plataforma global que conecte xogadores e creadores en múltiples dispositivos, mantendo a consola como base, pero ampliando o alcance mediante o xogo na nube. O obxectivo é permitir unha experiencia continua entre consola, PC, móbil e televisión, na que progreso, identidade e contidos acompañen ao usuario.
O plan estrutúrase arredor de catro eixes. No ámbito do hardware, preténdese consolidar a actual xeración e desenvolver novas solucións de alto rendemento, incluído o proxecto Helix, ademais de reforzar o ecosistema de accesorios. En contidos, a prioridade pasa por fortalecer as franquías existentes, ampliar a presenza en mercados emerxentes e consolidar modelos de xogo como servizo a longo prazo. A experiencia de usuario será revisada en profundidade para mellorar elementos básicos como a descuberta de xogos ou a interacción social. Finalmente, no apartado de servizos, Xbox busca reforzar Game Pass cun modelo sustentable, potenciar o xogo na nube e impulsar o crecemento mediante adquisicións selectivas.
A división de xogos de Microsoft introduce ademais un novo indicador clave de rendemento: os usuarios activos diarios, que substituirán outras métricas tradicionais como referencia principal do éxito da plataforma.
Tamén anuncian un cambio simbólico pero relevante: Microsoft Gaming pasará a denominarse simplemente Xbox, co obxectivo de reflectir unha identidade máis cohesionada (acompañada polo redeseño do seu logotipo). A dirección subliña a necesidade dunha cultura interna máis áxil, crítica e orientada á execución, asumindo o papel de competidor nun sector en rápida evolución.
O reposicionamento inclúe a revisión de cuestións sensibles como a exclusividade de contidos, as estratexias de lanzamento e o uso da intelixencia artificial, ámbitos nos que a empresa anticipa decisións futuras a medida que avance a súa transformación.