Xeodron recibiu a visita do vicepresidente da Xunta

martes, 10 de marzo do 2020 Redacción

As instalacións en Teo (A Coruña) da empresa Xeodron, centrada en servizos técnicos e tecnolóxicos con vehículos aéreos non tripulados e solucións de enxeñaría topográfica para a elaboración de cartografía, recibiu este martes 10 de marzo a visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto.
Rueda e Prieto salientaron “a importancia de fomentar a presenza das mulleres e o emprendemento feminino no eido da innovación para contribuír ao crecemento económico desde unha perspectiva de igualdade”. De feito, Xeodron é unha das empresas beneficiarias do programa EMEGA (Secretaría Xeral de Igualdade), máis concretamente da liña dirixida a incentivar empresas de alicerce científico ou tecnolóxico promovidas por mulleres.
Na súa visita, Alfonso Rueda incidiu na importancia de aproveitar as capacidades do talento feminino e as novas oportunidades de negocio en tódolos sectores e sobre todo no terreo da innovación con proxectos vinculados á I+D+i ou ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), que “permitan un crecemento intelixente e sustentábel”.

PUBLICIDADE