Xeopesca resolve o seu concurso de fotos libres sobre o noso mar

venres, 20 de outubro do 2017 Redacción

A imaxe de Roberto Millán

A Asociación Xeopesca vén de comunicar a resolución do seu Concurso de Fotografía Libre, un certame creativo dirixido a avanzar na difusión e no coñecemento do patrimonio natural e cultural da nosa terra, facendo fincapé, desta volta, na nosa rica cultura mariñeira. Segundo nos conta Pablo Belay dende Xeopesca, o pasado 8 de outubro de 2017 reuniuse o xurado do certame formado por polas fotógrafas Lorena Couto Rey (formada na Escola de Arte Mestre Mateo e segundo premio de fotografía no Xuventude Crea 2014) e Rocío Brage (técnica superior en fotografía e máster de fotografía na escola EFTI de Madrid) e polo presidente e o secretario de Xeopesca.
Nesta primeira edición do certame presentáronse 62 instantáneas válidas segundo as bases do concurso, que foron realizadas por 43 autores diferentes. Segundo informan dende Xeopesca, as obras presentadas reflicten “unha diversidade de intres únicos das nosas paisaxes, costumes, gastronomía,… que conforman a cultura mariñeira galega”. Dende o xurado agradeceron a todos os participantes a súa vontade “de compartir estes recordos cunha licenza libre con toda a comunidade da Internet”.
O primeiro premio foi para Roberto Millán (Alacante), coa fotografía Mariscadora, que reflicte o traballo da muller galega na actualidade. A fotografía foi tomada ao amencer cando as mulleres comezan a mariscar na costa do Grove. Esta obra foi liberada coa licencia GFDL.

A fotografía de Laura Domínguez

O premio accésit foi gañado por Laura Domínguez Couselo (Poio) cunha composición en branco e negro, amosando a dúas mulleres cargando un caldeiro cheo de ameixas e o material de faena. A instantánea foi realizada na praia de Lourizán (Pontevedra). Esta obra foi liberada coa licencia Creative Commons Recoñecemento – Compartir Igual.
As restantes fotografías participantes podemos consultalas en liña con baixa calidade na web de Xeopesca, pero tamén podemos descargalas todas nunha ligazón específica de Githu.
O concurso de Xeopesca forma parte das actividades que a asociación realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE