Xerme Ecommerce potencia o emprendemento no comercio electrónico

xoves, 23 de outubro do 2025 Redacción

A Xunta clausura hoxe a segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, creada para seguir impulsando o comercio electrónico no marco da Rede de polos de emprendemento e coa colaboración do Clúster do Ecommerce Galego. Preto dunha vintena de iniciativas participaron nesta edición, dirixida tanto a negocios do eido do comercio electrónico que precisan un novo pulo como a aqueles que deciden agora explorar as oportunidades de crecemento que ofrece a comercialización dixital.
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, foi o encargado de abrir o acto celebrado hoxe en Mesía, que será clausurado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. Durante a xornada, os participantes presentan os seus proxectos ante empresas, institucións e profesionais do sector, nun encontro que tamén serve para favorecer o intercambio de ideas e a creación de novas colaboracións e sinerxías.
Entre as iniciativas participantes destacan as pertencentes ao sector servizos, seguidas das de artesanía e deseño, deporte, saúde e estética, así como alimentación. O 56% están lideradas por mulleres e o 44% por homes, e tamén se inclúen proxectos doutros ámbitos como a construción, a moda, o turismo ou o relacionado coa infancia.
Nesta segunda edición introducíronse dúas liñas formativas: unha de iniciación, destinada a persoas emprendedoras que comezan desde cero ou con escasa experiencia no eido dixital, e outra avanzada, orientada a quen xa ten presenza no comercio electrónico e busca reforzar a súa estratexia.
O programa ofreceu formación e mentorización especializadas a través de obradoiros, titorías personalizadas e sesións impartidas por profesionais do sector, co obxectivo de axudar a lanzar, xestionar e rendibilizar negocios en liña. Ademais, ampliouse o período de mentorías de dous a cinco meses e incrementouse o número de sesións respecto ao ano anterior, adaptando os contidos ás necesidades específicas de cada grupo.
Xerme Ecommerce forma parte da aposta da Xunta pola innovación e o emprendemento, potenciando o talento e a competitividade das empresas galegas mediante o impulso e a promoción do comercio electrónico. Ao tempo, fomenta a convivencia entre compañías nativas dixitais e negocios tradicionais con actividade online, propiciando a aprendizaxe e o crecemento compartido.