Xesol, valorada en 230 millóns de euros

mércores, 19 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

A presentación da tecnoloxía de Xesol nunha fotografía de Miguel Villar para La Voz

Entre as tecnoloxías galegas de meirande proxección actual atópanse sen dúbida as que achega dende a Tecnópole ourensá Xesol Innovation, que logo de confirmar que vai cotizar na Bolsa de Valores de Londres (ISCX), vén de ser valorada agora (por xestión, produto e oportunidade) en 230 millóns de euros. Esta é a taxación que realizou a compañía de taxación e consultoría Gesvalt da empresa fundada por José Nogueira.
As tecnoloxías de Xesol, como lembraremos, materialízanse en boa medida nun innovador asistente de condución smart (ADAS) que salienta por riba doutros recursos análogos por ser o que achega máis ángulos de visión aumentada da contorna do automóbil. Destaca pola súa ampla marxe de precisión e goza de todas as vantaxes da visión artificial (en troques de infravermellos e radares), integrando tres cámaras con esta tecnoloxía. Ademais, a ferramenta é quen de avisar ao condutor (a través dunha pantalla de elementos sonoros e visuais) de posíbeis riscos na estrada. Integra, tamén, os catro elementos de accion primordiais do vehículo, acelerador, freo, volante e marchas.
Amais, tamén marca diferenzas polo factor seguridade cos peóns e cos ciclistas que pon en xogo na súa integración con automóbiles. De feito, incorpora un sistema de detección de peóns (pederastian detection) cuxo principal reto foi ser de abondo intelixente como para saber identificar un camiñante entre os múltiples elementos que rodean o automóbil polos seus catro costados: saber distinguilo malia a variabilidade da súa aparencia (tamaños, feituras) e polos seus movementos (o reto de non seren estáticos).
Volvendo á valoración en 230 millóns de euros, Roberto Guiñales, responsábel da Área Financeira de Advisory de Gesvalt, fixo saber que á hora de examinar o potencial da empresa galega e das súas tecnoloxías atenderon principalmente á correcta xestión da compañía e o seu plan estratéxico e a novidade dos seus produtos. Ao seu xuízo, non hai empresas que se poidan comparar a día de hoxe, unicamente unha firma israelí especializada en visión artificial para o coche autónomo Mobileye, que foi adquirida este ano pola multinacional estadounidense Intel por 14.300 millóns de euros.

PUBLICIDADE