Xestores dixitais de 33 universidades debaten en Vigo sobre redes sociais e comunicación
venres, 24 de maio do 2024
As persoas xestoras de redes sociais institucionais do ámbito universitario e docent teñen un punto de encontro do simposio Rederas. Despois dunha primeira edición en Murcia, este ano a organización do evento corre a cargo da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Esta semana (até hoxe venres), 33 responsábeis da xestión das redes sociais de universidades españolas danse cita neste foro que se celebra no edificio Redeiras para analizar os retos, novas tendencias e boas prácticas relacionadas co uso das RRSS como “canles imprescindíbeis para manter unha comunicación aberta e fluída coa comunidade universitaria”.
O encontro foi inaugurado pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e polo presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa. Valderrama deu a benvida ás e aos asistentes e agradeceu o apoio do Consello Social para facer posíbel “esta reunión das e dos community manager das universidades españolas, que son a voz, o rostro oculto que está do outro lado das RRSS e dos soportes dixitais”.
O presidente do Consello Social recordaba que “entre os maiores obxectivos aos que debe aspirar unha universidade está o recoñecemento, o aprecio e a confianza da sociedade que a sostén, porque é aí onde se xogan os seus resultados e tamén os seus recursos, é onde está a base de todo o demais”. Para acadar este recoñecemento, Pedrosa considera esencial a visibilidade, “unha visibilidade que se consegue a través da comunicación”, convertendo as propias institucións “nun material informativo fluído e transparente para que a sociedade as entenda, as integre, as queira e as senta útiles”.
O encontro estrutúrase en catro eixos temáticos: Novas narrativas e tendencias; Como medimos en redes sociais?; Intelixencia artificial e Boas prácticas.
Tras o acto de apertura arrancou o primeiro dos bloques, da man de Ferrán Llunell, da Universitat Pompeu Fabra e Amparo Soriano, da Universitat Jaume I, que falaron sobre os novos horizontes na busca de información que van máis aló de Google; e de Pepa González Oliva, da Universidad de Castilla-La Mancha, que se centrou no presente, o futuro e a morte das redes sociais. A mañá completouse coa intervención de Mercè Guillén, da Universitat Oberta de Catalunya, que foi a encargada de falar sobre como medir as redes sociais.
A xornada de tarde trasladouse ao campus e, tras unha visita á sede de ANFACO, arrincou a sesión sobre a Intelixencia Artificial, na que interviñeron Itziar Romera Gómez, da UNED, que falou sobre IA e a as novas ferramentas informativas nas universidades e nos centros de investigación; e Emmanuel Joven, da axencia Bap Conde, que analizou o potencial da IA xenerativa para creadores de contidos. Amais, Javier Moñino, da Universidad Católica San Antonio de Murcia, debateu sobre Copilot como ferramenta para crear contido en redes sociais de universidades. O programa pechou coa intervención como conferenciante convidado de Pablo Vilar Pequeño, da axencia Marco, cun relatorio titulado Tempo real e mundo real: rapidez + contexto en RRSS.
Este venres o foro regresará ao edificio Redeiras, cunha sesión sobre boas prácticas na que se presentarán exemplos de traballos e propostas postos en marcha polas universidades participantes. Neste bloque, Rodolfo Martínez Gras, da Universidad de Alicante, presentará a II Enquisa a profesionales da comunicación en RRSS de universidades españolas, mentres que Itziar Romera Gómez, da UNED, falará sobre IA aplicada aos departamentos de comunicación e RRSS. Pola súa banda, Amparo Soriano, da Universitat Jaume I, presentará o proxecto ComuniCAUJI. Ambaixadores i ambaixadors del campus, mentres que a vicerreitora da UVigo, Mónica Valderrama, a miniserie de TikTok da UVigo, UVigoShow.
O encontro pecharase con outra conferencia convidada, desta volta, da man de Xiana Vidal, da Agencia Trend, que falará sobre contido creativo en redes sociais.