Xiaomi abre a súa primeira tenda galega o vindeiro sábado

martes, 4 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Hai menos dun ano Xiaomi desembarcou oficialmente en España, contando con distribución a través das principais canles de venda de electrónica de consumo e iniciando a apertura de tendas, principalmente nas grandes cidades españolas.
Aínda que para compra de smartphones posiblemente as Mi Store non sexan as tendas máis atractivas, por ter o mesmo prezo que outros establecementos máis consolidados, tamén teñen moitos outros produtos da marca Xiaomi, como patinetes, cepillos de dentes eléctricos, drons... unha serie de produtos que resultan tamén moi atractivos, e que claramente atraen aos seareiros desta marca que é das que máis rápido medra en España, tanto en vendas como en popularidade.
As últimas Mi Store en abrir as súas portas foron as de Granollers e Valencia, e agora é a quenda da primeira apertura galega, xa que o vindeiro sábado ás 11:00 horas terá lugar a apertura dunha tenda de Xiaomi na cidade da Coruña, concretamente no Centro Comercial Marineda City.
Para animar ao público a asistir á apertura da Mi Store Marineda adiantan que entregarán 200 agasallos e realizarán 800 sorteos, polo que semella que van conseguir unha afluencia de público masiva no seu primeiro día.
Lembremos que actualmente está a ter certo éxito cos seus móbiles de gama media-baixa (a familia Redmi), os seus novos terminais con Android One (o Mi A2 e o Mi A2 Lite), os seus novos gama alta (os Mi 8) e tamén a última incorporación ao seu catálogo, o Poco F1, un dispositivo coa potencia dun móbil de gama alta, pero cun prezo de gama media. Este último terminal está a ter unha elevada demanda, polo que incluso pode resultar difícil de conseguir, o que tamén pode levar a algún interesado en adquirilo a acudir á apertura coruñesa, para así poder ser dos primeiros en facerse cun trebello que está a dar tanto que falar.

PUBLICIDADE