Xiaomi entra no sector dos portátiles para gamers

mércores, 28 de marzo do 2018 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi captou bastante atención nos últimos anos non só cos seus smartphones, senón tamén cos seus ordenadores portátiles, e aínda que nun principio parecía querer limitarse a ofrecer alternativas aos equipos de Apple, agora apunta tamén ao mercado dos videoxogos, e presenta o seu Mi Gaming Laptop, un potente ordenador portátil que cun prezo bastante axustado pode ter moito que dicir nos vindeiros meses.
O Mi Gaming Laptop é un equipo con pantalla de 15,6 polgadas (con marcos bastante reducidos) equipado cun procesador Intel Core i5/i7 de 7ª xeración, 8/16 GB de RAM, unidade SSD de 128/256 GB e disco duro de 1 TB, sistema de refrixeración de alta potencia, son con certificacións Dolby Sound e Sony Hi-Res, teclado gaming retroiluminado en cor e, como punto forte unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1050 Ti ou 1060 con 4/6 GB de memoria. Tampouco lle falta USB 3.0, USB-C, saída HDMI 2.0, Wi-Fi AC, Gigabit Ethernet, Bluetooth 4.1 e unha batería que promete unha autonomía de até 5 horas de reprodución de vídeo en liña (ou 6,5 horas de navegación web).
Pero o máis interesante deste equipo é o seu prezo, xa que na súa configuración máis básica, cun procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM, 128 GB de SSD e 1 TB de disco duro e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1050 Ti custa só 5.999 iuans (773 euros); integrando unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1060 subiría o seu prezo até os 6.999 iuans (902 euros); saltando logo até un procesador Core i7 chegaría até os 7.999 iuans (1.031 euros); e, finalmente, o modelo con procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM, 256 GB de SSD, 1 TB de disco duro e gráfica nVIDIA GeForce GTX 1060 con 6 GB de memoria venderase a só 8.999 iuans (1.160 euros), cando un equipo semellante custa actualmente no mercado español preto de 1.500 euros. Temos así que Xiaomi fai máis accesibles ao público xeral os portátiles con grandes prestacións gráficas, o que agradecerán tanto gamers como moitos profesionais que queiran axustar ao máximo o seu investimento en equipos informáticos.

PUBLICIDADE