Xiaomi estrea solución Wi-Fi Mesh

luns, 13 de maio do 2019 Marcus Fernández

A boa cobertura da rede Wi-Fi no ámbito doméstico é moi difícil de conseguir coa meirande parte dos routers que os operadores de telecomunicacións instalan nos nosos fogares, de aí que moitos usuarios opten por facerse cunha solución Wi-Fi mesh, ou sexa, con varios nodos que tenden unha rede de tipo malla que se comunican entre eles para procurar achegar a mellor conexión posible aos distintos dispositivos espallados pola casa.
As redes Wi-Fi mesh son a mellor solución en moitos contornos, pero teñen como principal problema o seu elevado prezo, que espérase que baixe considerablemente nos vindeiros meses grazas á popularización desta tecnoloxía, e como mostra diso temos a solución Wi-Fi Mesh de Xiaomi, que ofrece o lote de 2 elementos a 999 iuans (129 euros).
Estamos ante unha solución de dobre banda, AC1300, con elementos cunhas dimensións de 181 x 120 x 80 milímetros, que operan nas bandas de 2,4 GHz e 5 GHz até Wi-Fi AC, inclúen 3 portos Gigabit Ethernet e poden configurarse comodamente dende unha aplicación móbil.
Aínda non temos data para a chegada deste produto ao mercado español, aínda que semella difícil que esta solución vaia venderse en Europa se temos en conta que fabricantes como TP-Link xa ten produtos semellantes a un prezo inferior (a versión de 2 elementos está actualmente a 89,90 euros).

Os elementos da Wi-Fi Mesh de Xiaomi inclúen 3 portos Gigabit Ethernet