Xiaomi estrea un router económico con WiFi 6

mércores, 13 de maio do 2020 Marcus Fernández

Aínda que en España non é moi coñecida esta liña de produtos de Xiaomi, o fabricante chinés ten no mercado bastantes routers, entre os que destaca un novo modelo, o Mi Router AX1800, que resulta especialmente atractivo por funcionar baixo WiFi 6 e custar só 329 iuans (43 euros), aínda que de lanzamento o seu prezo será de só 299 iuans (39 euros).
Este novo router, ten un elegante e discreto deseño de torre cunha altura de 222 milímetros, e promete ser quen de dar conectividade até a 128 dispositivos á vez. Ofrece cobertura de sinal de 360 graos nas bandas dos 2,4 e dos 5 GHz (xestionando un tráfico de até 574 e 1.201 Mbps respectivamente), inclúe amplificadores de sinal de alto rendemento para gozar dunha boa cobertura, é compatible con redes tipo malla (ou sexa, que podemos mercar varios destes routers para repartilos polo fogar e ter unha boa resposta da nosa rede Wi-Fi en todos os recantos da casa), ten 1 porto WAN Gigabit e tres portos LAN Gigabit, e pode controlarse a través da aplicación Mi App, aínda que cómpre salientar que o seu software está baseado en Open WRT, polo que conta con moitas opcións de personalización. En definitiva, un produto moi atractivo para os que veñan de adquirir algún smartphone ou ordenador cunha versión moderna de Wi-Fi e queiran poder aproveitar as súas posibilidades sen ter que facer un grande desembolso económico.

PUBLICIDADE