Xiaomi estrea un smartwatch con pulsímetro e GPS

mércores, 31 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Os smartwatches cada vez suman máis prestacións e Xiaomi, sen querer pasar polo aro de Android Wear, atrévese a competir nese mercado dun dispositivo moi prometedor, o reloxo Amazfit, que combina prestacións de smartwatch e reloxo deportivo nun único trebello cun prezo moi axustado, xa que por 799 iuans (107 euros) teriamos un reloxo que podería comunicarse co noso teléfono (para recibir as súas notificacións), pero que tamén monitorizaría a nosa actividade física (é compatible coa aplicación móbil Mi Fit) e incluso contaría con GPS, algo impresionante para un accesorio tan económico e cmpacto, que non parece que vaia saír do mercado chinés.
Este smartwatch ben podería facerse pasar por un reloxo con Android Wear, se atendemos ás súas especificacións, xa que estamos ante un trebello con pantalla de 1,34 polgadas cunha resolución de 320 x 300 píxeles, procesador a 1,2 GHz, 512 de RAM, 4 GB de almacenamento interno, Bluetooth 4.0, pulsímetro, resistencia á auga e ao po (IP57) e batería de 280 mAh (que tería unha autonomía de 5 días para un uso normal e de 36 horas co GPS acendido. E aínda que non conte con sistema operativo móbil de Google, si promete prestacións semellantes, como ser compatible tanto con teléfonos con Android 4.4 ou superior e incluso co iPhone.

PUBLICIDADE