Xiaomi estrea unha webcam de 4K con micrófono e altofalante
xoves, 10 de xuño do 2021
Xiaomi vén de pór á venda en China a un prezo de 1.999 iuans
(257 euros) unha curiosa
cámara para videoconferencias que ten un formato moi semellante a unha
barra de son, xa que integra tanto micrófonos como altofalantes, de xeito que é
unha boa solución para a realización de videoconferencias de alta calidade.
Esta nova cámara 4K cun ángulo de visión de 120 graos funciona por USB-C
(inclúe adaptador a USB-A) e integra 6 micrófonos e altofalantes con 10 watts
de potencia, e conta tamén cun micrófono secundario (de uso opcional) que pode
colocarse no medio da mesa para captar mellor ás persoas que participan nunha
videoconferencia.
O dispositivo está deseñado para poder colocarse sobre unha mesa, poder
instalarse nunha parede ou sobre unha pantalla e mesmo colocarse sobre un
trípode, e ao estarmos ante un trebello plug and play, pode conectarse
directamente a calquera equipo informático, sendo compatible coas aplicacións
de videoconferencia máis populares.
Resulta bastante curioso ver como chegan ao mercado produtos deste tipo, principalmente
por apostar por unha resolución de vídeo tan elevada, dando a entender que a
emerxencia das videoconferencias durante o confinamento elevou as esixencias do
mercado profesional, que busca conseguir experiencias de calidade á hora de
establecer comunicacións a distancia.
- A cámara pode instalarse de distintos xeitos.