Xiaomi estrea uns auriculares sen fíos moi económicos

xoves, 14 de maio do 2020 Marcus Fernández

Dende Xiaomi, coas marcas Mi e Redmi, levan bastante tempo comercializando auriculares sen fíos claramente inspirados nos AirPods de Apple, e o último modelo quere claramente converterse nun supervendas grazas ao seu equilibrio entre prestacións e prezo, xa que estes auriculares bastante completos, os Mi True Air2 SE, teñen un prezo de venda de só 169 iuans (22 euros).

Estes novos auriculares contan con conectividade Bluetooth 5.0 e unha autonomía de 5 horas ampliable até 20 horas grazas ao estoxo de carga que pode recargarse a través dun porto USB-C. Sorprende que pese ao seu prezo reducido estes auriculares permitan o seu control de xeito táctil (cos que poderemos atender chamadas telefónicas, contorlar a reprodución multimedia e invocar ao asistente virtual do noso teléfono). Tamén detectan cando o usuario quita os auriculares para interromper a reprodución se os quita, e a retoma se os volve pór.

Os Mi True Air2 SE tamén conta cun par de micrófonos e tecnoloxía beamforming, co que buscan ofrecer cancelación de ruído para as nosas chamadas. Cada auricular pesa só 4,7 gramos, mentres que o estoxo de carga ten un peso de 48 gramos.
Dado que actualmente Xiaomi comercializa tres modelos de auriculares true wireless podemos entender que en poucas semanas poderían chegar este novos auriculares a España a un prezo bastante competitivo.

PUBLICIDADE