Xiaomi introduce pantallas 18:9 nos seus móbiles básicos

xoves, 7 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Os novos smartphones de entrada de Xiaomi xa son unha realidade, e por fin son oficiais o Redmi 5 e o Redmi 5 Plus, dispositivos que inician a súa traxectoria en China, que adoptan a tendencia de deseño dos últimos meses con pantalla cunha relación de aspecto 18:9 e que probablemente sexan supervendas polo seu prezo axustado.
O Redmi 5 chega con procesador Qualcomm Snapdragon 450, pantalla HD+ de 5,7 polgadas, 2/3 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno e batería de 3.300 mAh, con prezos que van dos 799 aos 899 iuans (102,50 e 115,33 euros respectivamente) en función da súa configuración.
Pola súa banda, o Redmi 5 Plus opta tamén por un procesador Qualcomm Snapdragon 450, pero mellora no resto de prestacións, integrando unha pantalla Full HD+ de 5,99 polgadas, 3/4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento e batería de 4.000 mAh, vendéndose a entre 999 e 1.299 iuans (128,16 e 166,65 euros) en función da configuración.
Será o vindeiro día 12 cando estes terminais cheguen ao mercado chinés, e en poucas semanas poderían verse tamén en territorio europeo, podendo converterse nun referente para os que queiran gozar de pantallas moi alargadas.

JPEG - 72 KB
Como vén sendo habitual, os novos móbiles estarán dispoñibles con carcasas de diferentes cores

PUBLICIDADE