Xiaomi lanza unha tableta con pantalla de 12,1 polgadas

xoves, 23 de maio do 2024 Marcus Fernández

Xunto á presentación dos móbiles Poco F6 e Poco F6 Pro anunciouse tamén a primeira talbeta desta marca, a Poco Pad, que no mercado español responde ao nome de Redmi Pad Pro, e que promete ser un dos dispositivos máis recomendados para os que busquen unha tableta de grande tamaño a un prezo atractivo.
A Redmi Pad Pro funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 2, ten unha grande pantalla de 12,1 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles e 120 Hz de velocidade de refresco, os seus 4 altofalantes achegan son estéreo envolvente, a súa batería de 10.000 mAh con carga rápida de 33 watts promete até 12,1 horas de autonomía reproducindo vídeo (así como poder reter a carga en espera até 33,9 días), o seu grosor é de só 7,52 milímetros e o seu peso de só 571 gramos.
Esta tableta pode completarse dun lapis dixitalizador Redmi Smart Pen e cunha funda teclado Redmi Keyboard, converténdose así nunha ferramenta moi práctica para ilustradores, deseñadores, estudantes... chegando ao mercado español a un prezo de 299,99 euros para a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, mentres que a versión con 8 GB de RAM e 256 GB de capacidade custará 349,99 euros. Temos así uns prezos que incluso poden resultar atractivos para usuarios que simplemente queren unha tableta para ler e reproducir vídeo, e buscan un tamaño superior ás habituais 10 polgadas.

As 12,1 polgadas da nova tableta de Xiaomi poden resultar atractivas para o consumo audiovisual