Xiaomi prepara un accesorio que engade un botón físico personalizable ao móbil

mércores, 2 de abril do 2014 Marcus Fernández

Hugo Barra deu conta hai poucas horas dun curioso accesorio que prevén lanzar dende Xiaomi, que consiste nun conector tipo minijack de 3,5 milímetros que poden introducir na toma de auriculares do smartphone e que nun dos seus extremos inclúe un botón físico, que pode aproveitarse para iniciar accións no móbil como disparar unha fotografía de xeito rápido, acender o flash da cámara a xeito de lanterna, gravar unha chamada telefónica ou desbloquear o terminal (desenvolveron unha aplicación para realizar 10 accións diferentes).
Barra comparte este desenvolvemento para recibir suxestións sobre o nome que podería recibir (¿Mi Button? ¿Mi Key? ¿Mi Press?), pero a reacción foi un tanto diferente, pois non faltaron comentarios apuntando a que este accesorio sería unha copia de Pressy, un accesorio nacido nun proxecto de Kickstarter que debería ter chegado aos seus mecenas o mes pasado.
Este último produto debería pórse á venda durante a primavera a 27 dólares (pouco máis de 23 dólares cos portes incluídos) e sería compatible con móbiles Android, pero podería verse ameazado de chegar ao mercado o MiKey de Xiami ao prezo rumoreado (4,9 iuans, que serían uns 57 céntimos). Dende Xiaomi aseguran que o seu accesorio é un produto orixinal deles, e non sería a primeira vez que dende China fan algo semellante, pois hai poucos meses tamén trunfou un proxecto de micromecenado chinés para desenvolver un produto cuspidiño chamado Kuai Anniu. É de agardar que nas vindeiras semanas teñamos toda unha polémica ante o estrangulamento dunha startup tecnolóxica a través do plaxio dos seus produtos.

PUBLICIDADE