Xiaomi presenta móbiles con procesador Snapdragon 8 Gen 2

luns, 12 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Xiaomi vén de presentar os seus novos móbiles insignia, o Xiaomi 13 e o Xiaomi 13 Pro, equipados con procesadores Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2 e cámaras notables certificadas por Leica para marcar o camiño que seguirán o resto de móbiles de gama alta os vindeiros meses.
O smartphone de referencia sería o Xiaomi 13 Pro, co mencionado Snapdragon 8 Gen 2, pantalla AMOLED Quad HD+ de 6,73 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 1.900 nis; cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles e un sensor Sony de 1 polgadas (como o incluído no Xiaomi 12S Ultra), teleobxectivo de 50 Mpíxeles e grande angular de 50 Mpíxeles con soporte de macro a só 5 centímetros de distancia; resistencia IP68, batería de 4.820 mAh con carga rápida de 120 watts (e carga sen fíos a 50w¡ watts), que sae á venda por 4999 iuans (681 euros) con 8 GB de RAM e até 6.299 iuans (858 euros) con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno.
En contraste, o Xiaomi 13 confórmase cunha pantalla AMOLED Full HD+ de 6,36 polgadas, unha cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles, grande angular de 12 Mpíxeles e teleobxectivo de 10 Mpíxeles, e reduce a súa velocidade de carga por cable até 67 watts. O seu prezo parte de 3.999 iuans (545 euros) na súa versión con 8 Gb de RAM e 128 GB de almacenamento interno e chega até os 4.999 iuans (681 euros) con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.
Confiamos en que en poucos días anuncien cando teremos estes atractivos móbiles no mercado europeo.

Os novos móbiles de Xiaomi teñen resistencia IP68