Xiaomi presenta novos smartphones, auriculares sen fíos e un novo televisor

venres, 27 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O pasado día 13 Xiaomi presentou os novos smartphones Mi 10 e Mi 10 Pro para o mercado chinés, deixando claro que os novos buques insignia da compañía chinesa querían destacar por un procesador de grande potencia (o Qualcomm Snapdragon 865) con soporte para 5G e por cámaras de grande calidade (cun sensor principal de 108 Mpíxeles). Deste xeito pretendían directamente competir con fabricantes como Samsung, ofrecendo unhas especificacións moi semellantes ás dos smartphones de referencia, pero cun prezo máis agresivo (aínda que non tanto a como facían en anos anteriores).

Estes novos smartphones xa se coñecen en profundidade, e a súa cámara lidera actualmente o ranking de cámaras de DxOMark, o que garante que estamos ante unha cámaras excelentes, aínda que dificilmente podemos asegurar que son as mellores, xa que dá a impresión de que DxOMark está a reter as valoracións do Samsung Galaxy S20 Ultra e do Huawei P40 Pro+ para non deixar quedar mal ao Mi 10 Pro no momento da súa presentación global.

O Mi 10 será un smartphone 5G con 8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento, unha cámara traseira cuádrupla, pantalla AMOLED de 6,67 polgadas e batería de 4.780 mAh con carga de 30 watts (por cable e por indución), que chegará ao mercado español o 1 de abril a un prezo de 799 euros con 128 GB de almacenamento e de 899 euros para o modelo con 256 GB de capacidade; mentres que o Mi 10 Pro terá un prezo de 999 euros, incluíndo 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento, unha mellor cámara (que conta desta volta cun zoom óptico híbrido de 10x) e unha batería de 4.500 mAh con carga de watts por cable e 30 watts por indución.

Novo Mi 10 Lite 5G

Pero tras presentar os smartphones xa coñecidos sorprenderon co Mi 10 Lite 5G, un teléfono que non apunta á gama alta, senón á democratización do 5G, e que sairá á venda en maio a un prezo de 349 euros. Este novo smartphone contará cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G, pantalla AMOLED de 6,57 polgadas, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, e batería de 4.160 mAh con carga de 20 watts que posiblemente terá un nivel de vendas moi superior ao dos seus irmáns maiores, grazas a unhas prestacións excelentes cun prezo contido.

Mi TV 4S 65”

Aínda que os primeiros televisores conectados de Xiaomi que chegaron ao mercado español non tiñan prezos especialmente competitivos, o Mi TV 4S 65” podería mudar as cousas, xa que chegará no mes de xuño a un prezo de 549 euros, o que parece un prezo sen competencia para un televisor con pantalla 4K con HDR10+ de 65 polgadas, altofalantes de 20 watts con Dolby e DTS-HD, cun sistema operativo baseado en Android TV (polo que conta coas principais aplicacións de plataformas de vídeo baixo demanda, e incluso pode gozar de funcións como Chromecast e o Asistente de Google), e cun corpo metálico e uns acabados en plástico de tacto suave que fai que o percibamos como un produto elegante para o salón.

Mi True Wireless Earphones 2

Os novos auriculares sen fíos Mi True Wireless Earphones 2 tamén se presentaron hoxe como unha solución para gozar de son de calidade, con tecnoloxía de cancelación de ruído e conectividade Bluetooth 5.0, que claramente están inspirados nos AirPods de Apple, pero que están á venda a un prezo de 79,99 euros, polo que son un produto relativamente atractivo. Os auriculares teñen unha autonomía aproximada de 4 horas, mentres que aproveitando o seu estoxo de carga poderiamos conseguir até 14 horas de reprodución sonora. Un produto claramente enfocado aos seareiros de Xiaomi (xa que os que buscan simplemente un clon dos AirPods teñen solucións bastante máis económicas ao seu alcance).

PUBLICIDADE