Xiaomi presenta o seu novo smartphone insignia: o Mi 4

martes, 22 de xullo do 2014 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi continúa a presentar produtos cunha excelente relación calidade-prezo, colocando aos máis importantes fabricantes de dispositivos de electrónica de consumo nun compromiso para manter a súa competitividade, e durante a xornada de hoxe quixeron deixar claro o que para eles é o smartphone ao que aspirar, o seu novo buque insignia, o Mi 4, un smartphone con pantalla IPS Full HD de 5 polgadas, cun procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHz, 3 Gb de de RAM, 16 ou 64 Gb de almacenamento interno, cámara traseira Sony de 13 Mpíxeles con HDR e gravación de vídeo en 4K, cámara frontal Sony de 8 Mpíxeles con grande angular (ideal para auto-fotos), Wi-FI AC, Bluetooth 4.0, NFC e batería de 3.080 mAh (que soporta modos de carga rápida) que parece querer medirse cos iPhone ao destacar o seu deseño por un marco de aceiro inoxidable como marca do seu excelente acabado. Este teléfono 4G (o primeiro deste tipo de Xiaomi en chegar ao mercado) aínda non conta cun modelo compatible coas redes europeas (que chegaría dentro de varias semanas) pero xa parte duns prezos moi agresivos, que están no contorno dos 238 euros para o modelo de 16 Gb (concretamente 1.999 iuans) e dos 298 euros para o modelo de 64 Gb (2.499 iuans). Destaca tamén por ter un grosor de só 67,5 milímetro e un peso de 149 gramos, grosor e peso moi reducidos para un dispositivo cunha pantalla tan grande.

Mi Band, o monitor de actividade física que racha prezos

Pero dende Xiaomi non están conformes con vender smartphones que custan aproximadamente a metade que os equivalemente dos seus principais competidores, senón que tamén se atreven a entrar no mercado dos monitores de actividade coa pulseira Mi Band, que é un lixeiro monitor de actividade física que permite tamén monitorizar o sono, que venderase en distintas cores, é resistente á auga, ten unha autonomía de 30 días e incluso pode empregarse para desbloquear un smartphone de Xiaomi sen empregar o contrasinal, que consegue sorprender ao mundo por ofrecerse por 79 iuans (9,41 euros) cando os produtos semellantes que hai actualmente no mercado móvense no contorno dos 100 euros. A pulseira pode comunicarse co móbil por Bluetooth para rexistrar as actividades diarias, axudando así a estimar a distancia que camiñamos durante o día, as calorías que consumimos ou incluso se durmimos ben. Tamén vibra e acende unha luz cando recibimos unha chamada, polo que pode resultar de utilidade para os que habitualmente leven o smartphone nun bolso ou nun peto de difícil acceso.

Conscientes da moda actual dos monitores de actividade, Xiaomi optou por preparar un dispositivo low cost dentro desta familia de produtos

PUBLICIDADE