Xiaomi presenta o seu novo móbil encartable que presume de durabilidade e cámara

luns, 14 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe o seu terceiro smartphone encartable, o Xiaomi MIX Fold 3, que parece querer demostrar que este tipo de dispositivos poden chegar ao mercado sen realizar concesións técnicas, de aí que esteamos ante un teléfono cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, 12/16 GB de RAM LPDDR5X, 256 GB/512 GB/1 TB de almacenamento UFS 4.0, un completo sistema de cámaras e unha batería de 4.800 mAh con carga rápida de 67 watts por cable e 50 watts sen fíos.
A nivel de pantalla presenta unha pantalla exterior AMOLED de 6,56 polgadas cunha relación de aspecto 21:9 con resolución Full HD+ e refresco de 120 Hz, polo que sería como moitos smartphones ordinarios, mentres que a pantalla interior ao abrirse tería unha diagonal de 8,03 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.916 píxeles. Integraría un sensor de impresións dixitais no lateral e como grande sorpresa o fabricante asegura que a pantalla do teléfono soporta até 500.000 dobrados, o que sería máis que dabondo para varios anos de uso, aínda que queda agora comprobar se estes datos se sosteñen na práctica (o Samsung Galaxy Z Fold5 en superado os 400.000 dobrados manuais, superando sobradamente a súa certificación de laboratorio).
No apartado das cámaras, o Xiaomi MIX Fold 3 está equipado cunha cámara traseira cuádrupla, cun sensor principal Sony IMX800 de 50 Mpíxeles con estabilización óptica, que está acompañado por un ultra grande angular de 13 Mpíxeles, un teleobxectivo 3.2x estabilizado de 10 Mpíxeles e un obxectivo telescópico 5x estabilizado de 10 Mpíxeles. Este sistema de cámaras está certificado por Leica, dando a entender que estamos ante un dispositivo que tanto pode presumir configuración de pantallas singular como de boas cámaras para fotografía e vídeo.
O prezo do MIX Fold 3 parte de 8.999 uans (1.136 euros) para o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, e chega até os 10.999 iuans (1.389 euros) para a versión con 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento, polo que serían produtos bastante competitivos (o Samsung Galaxy Z Fold5 con 12 GB de RAM e 1 TB de almacenamento véndese en China a 14.999 iuans), pero que non parece que vaiamos velos fóra de China, o que pon bastante en dúbida se realmente están á altura das promesas de Xiaomi, xa que son varios os fabricantes chineses de móbiles encartables que non ousan comercializalos en Europa.

PUBLICIDADE