Xiaomi presenta os novos Redmi Note 13

luns, 15 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Xiaomi celebrou hoxe o lanzamento oficial para España da súa serie de móbiles Redmi Note 13, que aspira a ser un ano máis a que sexa referente en vendas no noso territorio, e que desta volta teñen 5 modelos diferentes permitindo así axustarse a un amplo abano de petos.
Estes móbiles chegan en pantalla AMOLED de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, cámara traseira tripla cun sensor principal de 108/200 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles e configuracións que fan que o seu prezo estea entre os 199,99 e os 499,99 euros.
O modelo máis básico, o Redmi Note 13, promete convertese no supervendas do ano, polo seu prezo de 199,99 euros para a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento incrementa o seu prezo até os 249,99 euros. Falamos dun móbil cunha cámara traseira tripla cun sensor principal de 108 Mpíxeles, un procesador Qualcomm Snapdragon 685, almacenamento ampliable até 1 TB, lector de impresións dixitais en pantalla, NFC, altofalantes estéreo, resistencia IP54, emisor de infravermellos, conector para auriculares e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts (co cargador incluído na caixa), que como principal eiva ten que limita a súa conectividade ás redes 4G.
Quen precise da 5G temos o Redmi Note 13 5G, que eleva o seu prezo até os 279,99-299,99 euros, cambiando tamén o seu procesador por un MediaTek Dimensity 6080, cambios que parecen moi cativos para un salto de prezo tan grande.
O cambio de verdade prodúcese cando temos diante o Redmi Note 13 Pro, pois xa conta con cámara principal de 200 Mpíxeles con estabilización óptica e carga rápida de 67 watts, elementos que xustifican un prezo de 349,99 euros para a versión con 8 Gb de RAM e 256 GB de almacenamento (399,9 euros con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento). Este smartphone pode considerarse un produto bastante máis solvente, agás polo feito de que volve limitar a súa conectividade a 4G.
O Redmi Note 13 Pro 5G non só mellora a súa conectividade, senón que tamén pasa dunha pantalla Full HD+ a unha pantalla de 1,5K, mentres que o seu procesador é un Qualcomm Snapdragon 7s Gen 2 e a súa batería de 5.100 mAh conta con carga rápida de 67 watts. Este móbil conta cun modelo básico con 8 Gb de RAM e 128 GB de almacenamento que véndese a 379,99 euros, mentres que a súa versión máis completa, con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento custa 449,99 euros.
Aínda que podería parecer que o modelo anterior era xa moi competente para estarmos ante un Redmi, tamén contaremos cun Redmi Note 13 Pro+ 5G, que como principal diferenza co anterior ten un potente procesador MediaTek Dimensity 7200-Ultra e resistencia IP68, así como unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 120 watts, de xeito que estamos ante un móbil que xa poderiamos colocar na gama alta, cun prezo de 449,99 euros para o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento e de 499,99 euros con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.

O Redmi Note 13 Pro+ 5G é o modelo máis completo da nova gama de móbiles de Xiaomi