Xiaomi presenta os seus primeiros dispositivos con procesador de seu
xoves, 22 de maio do 2025
Xiaomi dá un paso decisivo cara á independencia tecnolóxica coa estrea do seu primeiro procesador desenvolvido internamente, o XRING O1, que marca o inicio dunha nova etapa para a compañía chinesa ao afastarse dos chips de Qualcomm. Este novo SoC, fabricado nun proceso de 3 nm, alimentará os seus dispositivos de gama alta: o smartphone Xiaomi 15S Pro e a tableta Xiaomi Pad 7 Ultra.
O XRING O1 inclúe unha CPU de 10 núcleos, unha GPU Immortalis de 16 núcleos e unha NPU de 6 núcleos orientada á xestión avanzada de procesos baseados en intelixencia artificial, unha aposta clara pola computación móbil con soporte para tarefas complexas en tempo real.
Aínda que terán que demostrar a potencia real deste novo procesador, aseguran que supera a puntuación de 3 millóns nas probas de Antutu V10, podendo chegar a compararse cos procesadores dos móbiles de alta gama de última xeración.
O primeiro móbil en estrear este chip será o Xiaomi 15S Pro, que chegará cun deseño destacado pola súa traseira de fibra de vidro e un botón de acendido con acentos dourados na versión básica, mentres que a edición Composite Fiber empregaría materiais como fibra de carbono e aramida. No seu interior destaca unha batería de 6.100 mAh e unha pantalla 2K con ata 3.200 nits de brillo.
A cámara promete un salto cualitativo: o sistema Leica Summilux con tres lentes permitirá HDR en tempo real e redución de ruído mediante IA, potenciadas pola nova NPU integrada.
Pola súa banda, a Xiaomi Pad 7 Ultra tamén adoptará o chip XRING O1 e incorporará unha pantalla OLED de 14 polgadas con resolución 3.2K e brillo máximo de 1.600 nits. A batería será un punto forte, cunha capacidade de 12.000 mAh que promete case 19 horas de reprodución de vídeo e ata 528 días en modo ultraaforro. Ademais, esta tableta será compatible cun teclado de aliaxe de magnesio desenvolvido especialmente para ela.
Ambos dispositivos terán un prezo inicial de 5.499 iuans (676 euros) e 5699 iuans (700 euros) respectivamente, o que os sitúa como propostas ambiciosas no mercado de gama alta chinés.
Polo momento non se sabe se estes dispositivos chegarán ao mercado europeo, especialmente porque chegarían a un prezo bastante elevado, o que dificultaría que atopasen un oco comercial (especialmente no caso da tableta).
