Xiaomi presenta tres novos produtos

mércores, 23 de abril do 2014 Marcus Fernández

Hoxe foi un día crucial para Xiaomi, non por incorporar 3 novos produtos ao seu cada vez máis nutrido catálogo, senón por sentar os alicerces da súa expansión internacional, xa que a compañía chinesa decidiu que, aínda que conservará o dominio xiaomi.cn para dirixirse ao seu mercado local, de cara ao resto do mundo vai facer uso do atractivo dominio mi.com (polo que a compañía pagou 3,6 millóns de dólares, sendo o dominio máis caro do negocio de Internet en China). Tamén adiantou que ao longo do ano vai abrirse a 10 novos mercados: Malaisia, Filipinas, India, Indonesia, Tailandia, Vietnam, Rusia, Turquía, Brasil e México.
No acto de presentación de hoxe o conselleiro delegado de Xiaomi, Lei Jun, quixo comezar anunciando o MiRouter, un produto que venderase a 699 iuans (81,12 euros) e que non só permitirá conectar dispositivos a través de Wi-Fi AC, senón que tamén albergará no seu interior un disco duro de 1 Tb, o que pode resultar de grande utilidade para compartir contidos multimedia con varios equipos/dispositivos ou para a realización de copias de seguridade automáticas.
Máis rechamante pode resultar o MiRouter Mini, que pese a ter un deseño semellante ao do Magic Trackpad de Apple, trátase dun router Wi-Fi AC de dobre banda capaz de mover datos ata a 1.167 Mbps, o que é todo un logro para un dispositivo á venda por só 129 iuans (14,97 euros). En vez de integrar un disco duro no seu interior, este pequeno router conta cun porto USB 2.0 para poder conectarse un disco duro externo e así poder compartilo en rede.

O MiBox estrea versión máis estilizada e potente

Pero o produto máis agardado por moitos era a versión mellorada do MiBox, o reprodutor multimedia de Xiaomi, que por 399 iuans (46,30 euros), que permite levar ao televisor contidos da Internet, de unidades de memoria e de dispositivos móbiles (é compatible con tecnoloxías como Airplay, DLNA ou Miracast), e grazas a esta revisión é capaz incluso de mover vídeo en ultra alta definición (3.840 x 2.160 píxeles). O novo trebello conta agora cun procesador de catro núcleos a 4 GHz, 2 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), Wi-Fi AC e USB 2.0. Este dispositivo sería o equivalente chinés ao Fire TV de Amazon xa que, aparte da reprodución multimedia, dende Xiaomi tamén queren aproveitalo como plataforma de xogo.

O MiRouter Mini pode ampliarse cun disco duro externo
O MiRouter integra un disco duro no seu interior

PUBLICIDADE