Xiaomi presenta un novo casco de realidade virtual

martes, 25 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Xiaomi acompañou a presentación do seu novo Note 2 cun novo casco de realidade virtual, compatible tamén cos smartphones Mi 5, Mi 5s e Mi 5s Plus, que chegarían como toda unha alternativa asiática ás Gear VR de Samsung, pero cun prezo que poderiamos considerar ridículo, xa que custa 199 iuans (26,98 euros) incluíndo un mando sen fíos con control de movemento de 9 eixes. Amais, este casto de realidade virtual contaría con sensores de movemento dedicados para contribuír a conseguir unha latencia de só 16 milisegundos e estaría acompañado por unha plataforma en liña na que actualmente hai máis de 30 aplicacións de realidade virtual e máis de 500 vídeos panorámicos.
O casco Mi VR conseguiría así achegar unhas prestacións semellantes á solución de realidade virtual móbil de Google a un prezo moi inferior, aínda que o máis rechamante deste produto é que presenta un deseño extraordinariamente semellante ao do casco PlayStation VR, probablemente para replicar a súa comodidade de uso (algo que non comparten todos os cascos que permiten introducir un móbil no seu interior para gozar de contidos envolventes).

Mi VR inclúe un mando sen fíos para facilitar o control dos contornos de realidade virtual

PUBLICIDADE