Xiaomi presenta un novo smartphone de alta gama e un televisor conectado

xoves, 5 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses non parecen querer limitarse a seguir os pasos dos seus competidores occidentais, e anímanse a anticiparse, sendo unha das grandes compañías que buscan o camiño da innovación Xiaomi, que vén de presentar o seu potente smartphone MI e incluso un Smart TV baseado en Android, aproveitando a boa acollida que tivera o seu reprodutor multimedia conectado.

O Xiaomi 3 preséntase como un dos smartphones máis completos do mercado

Na conferencia de presentación dos novos produtos do fabricante chinés no China National Convention Center tivo como prato forte o Xiaomi 3, un smartphone cun procesador de grande potencia (un nVIDIA Tegra 4 a 1,8 GHz na versión TD-SCDMA e un Snapdragon 800 nas versións WCDMA/CDMA2000) que vai un 40% máis rápido que o seu anterior smartphone (MI2S), 2 Gb de RAM, cámara Sony de 13 Mpíxeles, pantalla Full HD de 5 polgadas (de grande sensibilidade, de xeito que pode empregarse incluso coas luvas postas), cámara Sony de 13 Mpíxeles, NFC, Android coa versión 5 de MIUI, un grosor de 8,1 milímetros, un peso de 145 gramos e carcasas de 6 cores distintas (branco, prata, negro, amarelo, rosa e azul).

No evento recibiron a Hugo Barra como novo vice presidente de Xiaomi

O prezo anunciado para o seu modelo de 16 Gb de almacenamento interno sería de 327 dólares (248 euros), aínda que moitos considerarán máis atractivos os 408 dólares (309 euros) do modelo con 64 Gb de capacidade.
Durante a presentación dos novos produtos de Xiaomi tamén se aproveitou o momento para dar a benvida á compañía a Hugo Barra, un dos máximos responsables de Android dentro de Google, que pasará a vicepresidir Xiaomi a primeiros de outubro, adoptando como principal responsabilidade os negocios internacionais da compañía que quere transcender as fronteiras chinesas.
Pero o produto que pode resultar máis rechamante pola súa grande ambición é o novo Xiaomi TV, un televisor conectado cunha pantalla de 47 polgadas con resolución Full HD e polarización 3D (de feito, trataríase dun dos populares paneis LG Cinema 3D que poden empregarse con lentes como as dos cines), procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, gráfica Adreno 320, 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, mando a distancia con só 11 botóns (podendo tamén controlarse mediante unha aplicación para móbiles con Android), Wi-Fi de dobre banda, Bluetooth 4.0, sistema operativo Android coa personalización MIUI TV que permite dende xogar ata gozar de aplicacións que abren a porta de numerosos contidos en liña, reprodución multimedia USB (compatible cos formatos de vídeo máis populares), pode achegar contidos de dispositivos móbiles a través de distintas tecnoloxías sen fíos (WiDi, Miracat, Airplay...), e incluso un elegante deseño (cun marco de só 8,4 milímetros). Un produto realmente moi completo que destaca aínda máis ao coñecerse que o seu prezo será de só 490 dólares (372 euros) cando saia á venda a mediados de outubro, aínda que por desgraza está orientado ao mercado chinés (tanto polas plataformas de contidos integradas como pola lingua da súa interface gráfica), aínda que non sería de sorprender que nos vindeiros meses decidisen adaptalo para a súa comercialización global.

O Xiaomi TV ten unha pantalla 3D de 47 polgadas

PUBLICIDADE