Xiaomi presenta un novo televisor de 40 polgadas con Android

martes, 24 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi, máis aló dos teléfonos e as tabletas tamén destaca polos seus dispositivos orientados ao consumo audiovisual que, aínda que non saen comercialmente de China, son un bo indicador do rumbo que toman os produtos de electrónica de consumo e, tras sorprender o ano pasado cun televisor 3D de ultra alta definición de 49 polgadas a un prezo de só 3.999 iuans, hoxe optan por unha gama máis asumible, e presenta o novo Mi TV 2, que terá un prezo de só 1.999 iuans (294 euros).
Este novo televisor non só destaca polo eu prezo reducido, senón tamén polas súas elevadas prestacións, xa que falamos dun dispositivo cunha pantalla LED Full HD de 40 polgadas fabricada por Sharp e funciona con Android (coa capa gráfica MIUI propia de Xiaomi). Para poder correr con Android no televisor conta cun procesador MStar 6A908 Cortex-A9 de catro núcleos a 1,45 GHz, gráfica Mali 450, 1,5 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno.
O televisor permite reproducir contidos audiovisuais nos formatos máis populares (H.265, H.264, MPEG-4, FLV, TS, MKV...) e incluso pode empregarse para gozar de videoxogos en pantalla grande. Estará dispoñible no mercado chinés a partires do 31 de marzo, mentres que o anterior modelo de 49 polgadas pode adquirirse agora por 3.399 iuans (548 euros) aínda que para procurar manter o seu prezo orixinal ofértano por 3.999 iuans (645 euros) cunha barra de son e subwoofer sen fíos, converténdose nunha das solucións de cine en casa máis completas do mercado (o que resulta moi rechamante se miramos o seu prezo).

Os novo MiTV 2 tanto pode servir de reprodutor multimedia coma de consola de videoxogos

PUBLICIDADE