Xiaomi presenta un sistema de carga sen fíos a 30 watts

luns, 9 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A autonomía dos dispositivos móbiles foi sempre un factor chave, que os fabricantes atenden dende dous ángulos diferentes: a capacidade das baterías e a velocidade de carga. Loxicamente ambos factores deben harmonizar, xa que a maior capacidade dunha batería máis importante é unha maior velocidade de carga para non eternizar tal proceso, aínda que tamén hai moitos fabricantes que apostan directamente por axilizar a carga, xa que así a recarga dos dispositivos é pouco molesta e non importa tanto unha grande autonomía (permitindo así dispositivos máis finos).
Pero a carreira pola velocidade de carga (actualmente liderada por Samsung, co seu cargador de 45 watts para o Galaxy Note10+) producíase normalmente no ámbito da carga a través de USB-C, mentres que na carga sen fíos só uns poucos fabricantes atrévense con cargadores de 10 ou 15 watts e, de feito, Samsung era até o momento o grande referente, pero está a chegarlle un inesperado contendente: Xiaomi.
O fabricante chinés presentou hoxe a súa tecnoloxía Mi Charge Turbo que permite carga sen fíos até a 30 watts, que estreará o Mi 9 Pro 5G, smartphone que tamén contará con carga reversible para así poder subministrar corrente a outros accesorios (tanto sen fíos como a través de cable).
Para realizar estas cargas rápidas sen fíos Xiaomi comercializará unha base de carga de 30 watts que integra ventilador e que é capaz de cargar até o 50% un smartphone con batería de 4.000 mAh en 25 minutos, mentres que para completar a carga tería que esperar 69 minutos.
Xiaomi tamén comercializará unha base de carga sen fíos de 20 watss que realizará un seguimento intelixente do procedemento de carga, sendo capaz de informar do estado da carga e do tempo que queda para completar a carga.
A compañía chinesa tamén adiantou que está a traballar en tecnoloxía de carga sen fíos a 40 watts.

PUBLICIDADE