Xiaomi presenta unha versión mellorada do seu smartphone económico con pantalla de 5 polgadas

martes, 29 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A primeiros de ano Xiaomi conseguiu gañar unha magnífica posición no mercado grazas ao lanzamento do Redmi 3, un terminal con pantalla de 5 polgadas, grande potencia e acabado metálico, que co seu prezo extraordinariamente baixo (699 iuans) convertíase na que sen dúbida era a mellor relación calidade-prezo nun produto desta categoría, pero hoxe quixeron aumentar a aposta, e presentaron o Redmi 3 Pro, que incrementando o prezo até os 899 iuans (122 euros) ofrece 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB) e un lector de pegadas dixitais na súa parte traseira, de xeito que podemos velo como unha versión compacta do Redmi Note 3 Pro.
O Redmi 3 Pro mantén a súa pantalla nunha resolución de 1.280 x 720 píxeles (probablemente o seu punto máis feble), funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 616 de oito núcleos con gráfica Adreno 405, cámaras de 12 e 5 Mpíxeles, dobre SIM, 4G e batería de 4.100 mAh, prestacións da que podería desprenderse unha das mellores autonomías do mercado. Venderase a partires da semana que vén en cor ouro, prata e branco, pero sen contar cun patrón de rombos impreso na súa traseira, facéndoo difícil de distinguir dun Redmi 3 Pro se esquecemos o seu tamaño de pantalla.

PUBLICIDADE