Xiaomi reduce de tamaño o seu streamer
xoves, 15 de xaneiro do 2015
Aparte
de teléfonos móbiles e tabletas, Xiaomi tamén goza de grande éxito cos seus
produtos que achegan contidos multimedia ao televisor, tecnoloxía da que pode
gozarse directamente cun televisor de Xiaomi ou conectando un Mi Box a un
televisor actual. Para facer aínda máis atractivo este tipo de trebello, agora
reducen o seu tamaño a unha cuarta parte co Mi Box mini, produto que agora conta cun
procesador Cortex A7 de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 4 GB de
almacenamento interno, Wi-Fi N de dobre banda, cable HDMI de 1,5 metros e mando
a distancia Bluetooth, sendo toda unha ganga ao prezo de 199 iuans (27,53
euros).
Este produto vén a ser como un dos moitos dispositivos con Android que podemos
conectar ao televisor, pero cunha grande personalización por parte de Xiaomi,
facilitando o acceso a milleiros de contidos achegados da Rede, pero sendo
tamén capaz de subministrar vídeo 3D a 1.080p, soporta os últimos codificadores
de vídeo (descodifica por hardware vídeo H.265), pode empregarse para facer mirroring da pantalla do noso
smartphone, é compatible con numerosos videoxogos (para o que recomendan
adquirir un gamepad Bluetooth) e incluso conta cunha completa tenda de
aplicacións. Un produto moi atractivo que por desgraza está demasiado enfocado
ao público chinés, de xeito que a súa interface de uso non está adaptada a
linguas distintas do chinés.
- O novo Mi Box mini facilita o acceso a centos de milleiros de contidos audiovisuais