Xiaomi reforza a súa familia de móbiles Redmi

martes, 28 de maio do 2019 Marcus Fernández

Xiaomi continúa a potenciar a súa marca máis económica, Redmi, agora con smartphones que poderían chegar a rivalizar co célebre Pocophone F1, á vez que tamén estrea un novo terminal de entrada, o Redmi 7A, que destaca polo seu prezo reducido e grande autonomía.

Redmi K20 e K20 Pro

Deste xeito o novo smartphone insignia de Redmi sería o Redmi K20 Pro, que equipa un procesador Qualcomm Snapdragon 855, que xunto cunha tecnoloxía de arrefriamento de 8 capas de grafito consegue disipar a calor para que o dispositivo manteña unha temperatura moderada ante grandes cargas de traballo.
Estes móbiles contan cunha pantalla AMOLED de 6,39 polgadas e unha traseira de cristal curvado cunha aparencia única grazas a unha tecnoloxía nano-holográfica que provoca unha orixinal textura. O lector de pegadas de dixitais está tamén na propia pantalla, que carece de pestanas e perforacións xa que a súa cámara frontal de 20 Mpíxeles está agochada nun mecanismo retráctil, mentres que na parte traseira inclúe unha cámara tripla que conta cun sensor principal Sony de 48 Mpíxeles apoiado por un sensor grande angular de 13 Mpíxeles e un teleobxectivo de 8 Mpíxeles.
A súa batería é de 4.000 mAh, con soporte de carga de 27 watts, e este potente smartphone tamén conta con NFC, potentes altofalantes e conector para auriculares.
O seu prezo é moi contido, xa que a súa configuración con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento custará 2.499 iuans (323 eros), con 128 GB de almacenamento subiría até os 2.599 iuans (336 euros), se chegamos até 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento quedaría en 2.799 iuans (362 euros) e, finalmente, o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento venderase a 2.999 iuans (388 euros).
O modelo Redmi K20 é moi semellante, cambiando basicamente por contar cun procesador Qualcomm Snapdragon 730 e contar cunha carga rápida máis lente (de 18 watts). Con estes compromisos tan cativos o móbil consegue ter un prezo aínda máis axustado, vendéndose o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento por 1.999 iuans (259 euros), a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 2.099 iuans (272 euros) e o de 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento por 2.599 iuans (336 euros).

Redmi 7A

Pero o smartphone que vai ser todo un éxito de vendas é claramente o Redmi 7A, como digno sucesor do Redmi 6A, que desta volta vén cun procesador Qualcomm Snapdragon 439 e batería de 4.000 mAh con carga de 10 watts, que inclúe pantalla HD de 5,45 polgadas, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, altofalantes mellorados, resistencia a salpicaduras e a posibilidade de escoitar a radio FM sen precisar de antena externa.
Este móbil chegará ao mercado a un prezo reducidísimo, custando 529 iuans (68 euros) o modelo con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento, mentres que os modelos con 2 GB de RAM e 32 GB de almacenamento e 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento venderanse a 599 iuans (77 euros) e 799 iuans (103 euros) respectivamente.

JPEG - 31.4 KB
Pese a ser un móbil básico, o Redmi 7A é resistente a salpicaduras

PUBLICIDADE