Xiaomi renova o seu smartphone para gaming

martes, 30 de xullo do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado Xiaomi estreou unha liña de smartphones para xogadores, Black Shark, que actualmente ten no mercado un potente Black Shark 2 cun procesador Qualcomm Snapdragon 855, até 12 GB de RAM e até 256 GB de almacenamento que pese a presentar unhas prestacións moi completas conta xa cun sucesor, o Black Shark 2 Pro, que principalmente diferenciarase na incorporación do procesador Qualcomm Snapdragon 855 Plus, mantendo as súas completas configuracións.
O novo smartphone contará cun sistema de refrixeración líquida multicapa que asegura poder reducir até 14 graos centígrados a temperatura do procesador (o que facilita un mellor rendemento), sería o primeiro smartphone en implementar unha pantalla cun sistema táctil a 240 Hz e sería a pantalla táctil coa menor latencia do mundo e cunha grande precisión (de 0,3 milímetros). O terminal tamén conta cun par de zonas táctiles a xeito de gatillos que poden personalizarse para realizar distintas accións, conseguindo unha experiencia de xogo máis versátil.
O Black Shark 2 con pantalla AMOLED de 6,39 polgadas, 12 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento UFS 3.0, cámaras traseiras de 48 e 12 Mpíxeles (sendo a secundaria un telefoto), cámara frontal de 20 Mpíxeles, lector de pegadas en pantalla e batería de 4.000 mAh con carga rápida por USB-C a 27 watts chegará ao mercado chinés a 2.999/3.499 iuans (390/456 euros) en función da capacidade do seu almacenamento interno, ou sexa, coa mesma estrutura de prezos que modelos anteriores, polo que é posible que chegue a España a uns prezos de 499/599 euros (ou incluso 50 euros máis caros).

JPEG - 84.4 KB
O Black Shark 2 Pro contará con accesorios para incorporarlle controis físicos e converter o smartphone nunha especie de consola de videoxogos portátil
JPEG - 134.3 KB
O novo smartphone presentouse hoxe na capital chinesa

PUBLICIDADE