Xiaomi renova os seus ultraportátiles e incorpóralles 4G
venres, 23 de decembro do 2016
O
pasado verán Xiaomi entrou ao grande no mercado dos ordenadores portátiles cos
seus atractivos Mi
Notebook Air, que pretendían ser alternativas aos MacBook Air de Apple pero
cun prezo moi inferior, e en vista da boa resposta comercial (venderon 220.000
equipos en 3 meses) veñen de presentar o seu sucesor natural, o Mi Notebook Air 4G, unha
revisión dos portátiles de Xiaomi que integran conectividade móbil 4G (achegada
por China Mobile, compañía que inclúe cos equipos un bono de 48 GB que pode
consumirse durante un ano).
Os novos equipos chegan con pantallas Full HD de 12,5 e 13,3 polgadas, que no
caso do equipo máis cativo tería procesador Intel Core m3, 4 GB de RAM, 128 GB
de SSD, gráfica nVIDIA GeForce 940MX con 1 GB de memoria, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1,
USB-C, USB 3.0, saída HDMI, teclado retroiluminado e webcam, pesaría só 1,07
quilogramos, tería un grosor de só 12,9 milímetros e o seu prezo sería de 4.699
iuans (647,41 euros),
o que resulta moi económico para un equipo de tan boas
prestacións, que aínda mellora o modelo con pantalla de 13,3 polgadas, xa que
opta por un potente procesador Intel Core i7 de sexta xeración, 8 GB de RAM e
256 GB de SSD, o que supón un incremento no número de portos (conta cun segundo
porto USB 3.0), en grosor (14,8 milímetros) e peso (1,28 quilogramos), así como
unha pequena redución na autonomía (até 9,5 horas), pero cun prezo de 6.999
iuans (964,30 euros) que pode parecer caro, pero se temos en conta que podería compararse
con MacBook Pro de 1.699 euros (que aínda que conta cunha pantalla superior,
carece de 4G) poucos dubidarán que estamos ante un portátil gañador.
O fabricante chinés presume de que o Mi Notebook Air 4G consegue velocidades de
descarga móbiles até 11 veces máis rápidas que un router 4G e o dobre de
velocidade que un iPad Pro con LTE.
Este novos ordenadores con Windows 10 comezarán a venderse en China en xaneiro,
deixando a moitos consumidores europeos coas gañas de facerse con un. Os
portátiles de Xiaomi son relativamente doados de conseguir de importación, pero
cómpre lembrar que, aínda que sexa posible configurar Windows 10 en español e
galego, o teclado continuará a ser o internacional, o que pode ser un atranco
para moitos usuarios.
- Os Mi Notebook Air 4G chegan en 2 configuración diferentes, ambas cunha magnífica relación entre prestacións e prezo