Xiaomi trae a España o seu altofalante co asistente de Google

venres, 16 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Xiaomi trae hoxe a España o seu altofalante conectado, o Mi Smart Speaker, que chega para ocupar un oco bastante complicado, xa que podería situarse como un produto a medio camiño entre o Nest Mini e o Nest Audio, aínda que a un prezo máis axustado.
Falamos dun altofalante de 12 watts e un controlador de son de 63,5 milímetros que comunícase a través de Wi-Fi e Bluetooth e integra 2 micrófonos de longo alcance e botóns táctiles, que na versión que chega ao noso mercado é compatible co asistente de Google, de xeito que podemos reproducir música con ordes de voz, ou aproveitar esta tecnoloxía para controlar a electrónica doméstica ou realizar consultas a Google, aínda que é probable que esta funcionalidade sexa pouco práctica até que actualicen o dispositivo se realmente é certo o que figura na súa páxina web: que só é compatible con hindi ou inglés.
Este altofalante é compatible con Google Cast, ou sexa, que resulta moi doado empregalo para reproducir música dende numerosas aplicacións para Android empregando a rede Wi-Fi, sendo tamén posible empregar Bluetooth para usalo cando non estea dispoñible o streaming de Google. Tamén é posible emparellar 2 altofalantes para que se comporten como un altofalante estéreo, o que pode resultar práctico para gozar dun bo son estereoscópico sen cables.
O Mi Smart Speaker pode mercarse oficialmente a 49,99 euros, aínda que en MediaMarkt estréase cunha promoción na que por 49 euros inclúen tamén unha lámpada Xiaomi Mi LED Smart Bulb Essential.

O altofalante pode reproducir música a través de Wi-Fi ou Bluetooth

ACTUALIZACIÓN: Finalmente actualizaron a páxina web do produto para indicar que o altofalante funciona en español:

PUBLICIDADE