Xiaomi trae a Europa os seus móbiles de alta gama

luns, 26 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Os novos smartphones insignia de Xiaomi por fin chegan a España coincidindo coa celebración do Mobile World Congress en Barcelona, e aínda que o Xiaomi 14 é o móbil que buscará facerse cunha maior cota de mercado, a ninguén se lle escapa que o dispositivo que realmente vai acaparar a atención do público será o Xiaomi 14 Ultra, xa que promete unha excelencia fotográfica sen igual (algo que terá que demostrar).
O Xiaomi 14 Ultra é un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, 16 GB de RAM LPDDR5X, 512 GB de almacenamento UFS 4.0, pantalla AMOLED de 6,73 polgadas cunha resolución de 3.200 x 1.440 píxeles e unha velocidade de refresco dinámica de até 120 Hz, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 90 watts por cable e 80 watts sen fíos (que podería cagarse completamente en só 33 minutos), resistencia IP68 e un apartado fotográfico notable.
Este móbil ten cámaras asinadas por Leica, cun sensor principal Sony LYT-900 de 1 polgada, 50 Mpíxeles e unha distancia focal equivalente a 23 mm, teleobxectivo de 50 Mpíxeles cunha distancia focal equivalente a 75 mm, teleobxectivo de 50 Mpíxeles cunha distancia focal equivalente a 120 mm e ultra grande angular de 50 Mpíxeles cunha distancia focal equivalente a 12 mm. Aparte de excelentes fotografías, tamén podería gravar vídeo até 8K a 30 imaxes por segundo ou até 4K a 60 imaxes por segundo con Dolby Vision.
A súa cámara frontal sería máis modesta, cun sensor de 32 Mpíxeles capaz de gravar en 4K a 60 imaxes por segundo (ou 30 imaxe por segundo con HDR con Dolby Vision).
O prezo oficial deste smartphone sería de 1.499,99 euros, aínda que de lanzamento conta cun desconto de 200 euros.
Cómpre salientar que Xiaomi tamén vende un accesorio a 199,99 euros que engade ao móbil un agarre con batería de 1.500 mAh que dota ao terminal dunha ergonomía propia dunha cámara fotográfica compacta. Tamén facilitaría a instalación de filtros de 67 mm (á venda por separado).
Pola súa banda o Xiaomi 14 é un móbil máis modesto, cun prezo de 999,99 euros para o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento (1.099,99 euros con 512 GB de almacenamento) que tamén tería un desconto de lanzamento de 200 euros.
Este smartphone tería unha pantalla de menor tamaño (6,36 polgadas cunha resolución de 2.670 x 1.200 píxeles), a súa batería quedaría en 4.610 mAh (con carga rápida de 90 watts por cable e 50 watts sen fíos), tería resistencia IP68, e as súas principais concesións estarían na cámara traseira, que conformaríase cun sensr principal Light Fusion 900 de 1/1,31 polgadas, contaría cun único teleobxectivo de 32 Mpíxeles cunha distancia focal equivalente a 75 mm, e o seu grande angular sería de 50 Mpíxeles.
Ambos smartphones destacan que en vez de funcionar con MIUI inclúen unha nova xeración do sistema operativo da marca: Xiaomi HyperOS. Na práctica máis que unha revolución supón unha depuración e optimización de MIUI 14, presumindo dunha maior integración con outros produtos de Xiaomi (algo que para os usuarios europeos resulta pouco relevante, xa que o seu automóbil non se vende no noso territorio e a súa presenza no sector da domótica é irrelevante).

PUBLICIDADE