Xiaomi ultima o seu desembarco español

luns, 23 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A marca Xiaomi está de máis actualidade que nunca, pois tras desvelarse que, sen contar con distribución nin servizo técnico oficial en España é a cuarta marca que máis móbiles vende (superando a Apple), chegaron informacións que apuntaban á apertura dunha tenda oficial no centro comercial Xanadú de Madrid, que parece estar a preparar a súa campaña de lanzamento, xa que vén de abrir presenza en Twitter e Facebook, onde publicaron unha imaxe coa mascota da marca chinesa cunha bailadora de flamenco na que reza a frase Ola, España.
A apertura dunha tenda física en España supón para moitos unha magnífica nova, pois ven as posibilidades que podería achegar o contar cunha canle oficial de compra e asistencia, aínda que habería que ser prudentes, pois non podemos obviar que a tenda non ten obriga de dar servizo a quen non sexa o seu cliente e cando as marcas chinesas se establecen oficialmente teñen que facer fronte aos impostos locais e ofrecer garantía europea de 2 anos, elementos que encarecen os produtos considerablemente fronte ás compras internacionais a través da Rede (que normalmente evitan o pago de aranceis e IVE, e teñen unha garantía moi limitada, case inviable de exercer).
As tendas de Xiaomi fóra dos mercados asiáticos tenden a ter un catálogo de móbiles reducido (pois algúns terminais poderían ter problemas de comercialización ante problemas de patentes e de propiedade industrial) e apostar por amosar algúns dos centos de produtos de todo tipo de Xiaomi vende, que van dende robots-aspiradora até mochilas, converténdose os establecementos físicos nun excelente escaparate para un abano de produtos que para o fabricante chinés producen uns beneficios moi superiores aos smartphones (que son un negocio con marxes reducidas que manteñen principalmente polo valor de marca que achega).

PUBLICIDADE