Xiaomi venderá internacionalmente a súa última tableta

mércores, 15 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Dende Xiaomi teñen comercializado diferentes tabletas moi atractivas que non chegaran oficialmente ao mercado europeo, e agora temos que a Xiaomi Pad 5 lanzarse internacionalmente como unha atractiva ferramenta para a produtividade laboral, o uso na aula ou o lecer no fogar.
A Xiaomi Pad 5 ten unha pantalla de 11 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles e refresco a 120 Hz, co que podería medirse co iPad ordinario, estando equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 860, 6 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento, configuración bastante potente, especialmente se temos en conta que estamos ante unha tableta que venderase por 349/399 euros.
A tableta tamén coida o son (conta con 4 altofalantes con Dolby Atmos e audio de alta resolución); ten cámara frontal de 8 Mpíxeles e cámara traseira de 13 Mpíxeles; conta con conectividade Wi-Fi 5 e Bluetooth 5.0; a súa batería de 8.720 mAh promete unha boa autonomía; e é compatible co Xiaomi Smart Pen (lapis dixitalizador á venda por separado, e que pode adherirse magneticamente á tableta para o seu transporte e carga).

PUBLICIDADE