Xogalego axúdanos a descubrir videoxogos galegos e en galego
luns, 15 de decembro do 2025
Xa está dispoñible Xogalego, un novo catálogo en liña que nace co obxectivo de facilitar a localización de videoxogos publicados en lingua galega e de corrixir a invisibilidade histórica do galego nun sector clave da cultura dixital como é o dos videoxogos.
A iniciativa xorde nun contexto no que o galego está practicamente ausente no lecer interactivo, especialmente entre a mocidade. Segundo explican os seus impulsores, o problema non é tanto a inexistencia de videoxogos en galego como a dificultade para atopalos nas principais plataformas comerciais, onde os sistemas de busca e etiquetaxe seguen sendo incompletos ou incorrectos.
Xogalego pretende romper ese círculo vicioso concentrando nun único espazo toda a información verificada sobre os títulos dispoñibles en galego. O catálogo non se limita a enumerar xogos, senón que ofrece fichas detalladas elaboradas por un equipo que proba cada título para comprobar a presenza real do idioma e avaliar a súa utilidade pedagóxica. Cada entrada inclúe datos como o nome do xogo, o ano e o estudo creador, as plataformas dispoñibles, o xénero, a idade recomendada, os idiomas incluídos e ligazóns oficiais para a súa adquisición ou descarga, así como capturas e vídeos en galego cando é posible.
Ademais de servir como repositorio actualizado —que nace con arredor de 90 xogos recollidos e coa previsión de superar os 200 títulos indexados nas primeiras semanas—, o proxecto aspira a impulsar novas localizacións e a normalizar o uso do galego no ocio dixital. Entre os seus obxectivos figuran tamén facilitar recursos ao profesorado, promover o emprego dos videoxogos nos centros educativos e apoiar a creación de unidades didácticas en colaboración con docentes.
Xogalego compleméntase cunha dimensión divulgativa e comunitaria que inclúe a publicación de análises e vídeos en redes sociais, a elaboración de listaxes temáticas e chamadas abertas á comunidade para identificar títulos descoñecidos. O proxecto prevé tamén actividades en centros educativos para achegar os videoxogos en galego á infancia e á mocidade como ferramenta cultural e de normalización lingüística.
A plataforma é unha creación de Recuncho Gamer, un proxecto de divulgación en galego arredor dos videoxogos recoñecido co premio Youtubeiras en 2024 e con traxectoria en formatos como podcasts, entrevistas e colaboracións coa Radio e Televisión de Galicia. A dirección de Xogalego corre a cargo de Iago Gordillo, acompañado por Ángela Triana e Jon Amil, membros do equipo de redacción do Recuncho Gamer Podcast, especializados en análise e cultura do videoxogo.
Antes do seu lanzamento público, Xogalego foi distinguido co Premio a Proxectos Singulares do Fondo de apoio a proxectos singulares para a mellora social 2025 da Deputación da Coruña, un recoñecemento que avala o seu potencial impacto social. Os seus responsables subliñan que o proxecto non é unha simple base de datos, senón unha ferramenta estratéxica para crear comunidade, dar visibilidade a estudios e creadoras que apostan polo galego e reforzar a presenza da lingua propia nun dos espazos centrais da cultura contemporánea.
